O PP de Lourenzá denuncia a nefasta xestión do punto limpo, que xa lle custou máis de 5.000 euros aos veciños

O PP de Lourenzá advirte da “mala xestión continuada” do punto limpo municipal por parte do goberno local socialista, que está a provocar unha situación de abandono e descontrol que afecta tanto ao medio ambiente como ao peto dos veciños e veciñas do concello.

Os concelleiros populares explican que “nos últimos meses non se realizan os servizos de recollida de forma regular, acumulándose lixo e materiais fóra do recinto. Ademais, prodúcense queimas incontroladas de plásticos, madeiras e outros residuos, o que supón un grave risco ambiental e sanitario pola liberación de produtos químicos perigosos”.

O PP critica tamén que non se respectan os horarios establecidos e que o punto limpo carece de vixilancia adecuada e que a alarma leva anos sen funcionar facilitando a entrada de persoas alleas ás instalacións.

“A consecuencia desta desidia”, advirten “o Concello de Lourenzá acaba de pagar unha multa de máis de 5.000 euros pola súa mala xestión, unha sanción que sae directamente do peto de todos os laurentinos”. Isto súmase a uns recibos do lixo cada vez máis elevados, “o que supón unha dobre penalización para os veciños”.

O Partido Popular cre que, “se o goberno local continúa con esta nefasta xestión, seguiran chegando novas sancións, que todos os laurentinos teremos que asumir. Uns cartos que non deberían destinarse a pagar multas, senón a mellorar as estradas, as pistas forestais, o alumeado público e os servizos ás persoas dependentes, entre outras necesidades reais do municipio”.

Desde o Partido Popular de Lourenzá esixen “unha actuación urxente e unha xestión responsable do punto limpo”, en beneficio do medio ambiente e de todos os veciños.

Comparte éste artículo
No hay comentarios