A Deputación de Lugo afonda en Montevideo nas oportunidades de cooperación no sector agropecuario e empresarial

Tomé Roca tamén presidiu un encontro entre empresarios da provincia e uruguaios, no que se exploraron liñas de cooperación en innovación agroalimentaria, transformación de produtos e desenvolvemento pesqueiro, así como posibles acordos de intercambio comercial e técnico.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de manter en Montevideo un encontro de traballo co Subsecretario do Ministerio de Ganadería, Agricultura e Pesca, Matías Carambula, e os diferentes directores xerais do Ministerio, dentro da misión institucional e empresarial que o leva estes días ao Uruguai e á Arxentina acompañado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

Na reunión, o Presidente estivo acompañado polo Secretario Xeral da CEL, Jaime López, e polo Conselleiro Delegado da CEL, Eduardo Valín, ademais de contar co respaldo institucional do embaixador de España no Uruguai, Javier Salido Ortiz, que participou apoiando á comitiva lucense e valorando positivamente a cooperación económica e territorial entre ambos países.

Durante o encontro, os responsables do Ministerio expuxeron as principais liñas de exportación e produción do Uruguai no sector agropecuario, centradas na carne de bovino e ovino, o arroz e a forestación, e detallaron que o Goberno uruguaio está a impulsar tamén a actividade pesqueira como novo eixo de desenvolvemento económico. Pola súa banda, o Presidente Tomé Roca presentou o potencial produtivo e económico da provincia de Lugo, destacando que é a primeira produtora de leite de España e conta cun sector primario moderno, diversificado e competitivo, sustentado nunha forte base tecnolóxica e nunha crecente aposta pola sostibilidade.

O encontro serviu para afondar nas oportunidades bidireccionais de colaboración entre Lugo e Uruguai, coincidindo ambas delegacións na existencia dunha realidade social e cultural compartida entre Galicia e o país suramericano, froito dunha longa historia de lazos migratorios e afectivos. Nesa liña, abordáronse posibles intercambios técnicos e comerciais en materia agroalimentaria, forestal e pesqueira, así como a posibilidade de cooperar en proxectos de innovación e formación profesional vinculados ao sector primario.

O presidente Tomé Roca destacou que “Lugo e Uruguai son dous territorios que comparten o valor da terra e do traballo, e esa afinidade é unha base sólida para abrir novas vías de colaboración institucional e económica”. Engadiu que “a internacionalización das nosas empresas e a cooperación público-privada son claves para fortalecer o desenvolvemento sostible e a proxección exterior da provincia”.

A delegación lucense completou a xornada cun encontro con empresarios e representantes de cámaras sectoriais uruguaias e con AEGU (Asociación de Empresarios Gallegos del Uruguay), no que se exploraron liñas de cooperación en innovación agroalimentaria, transformación de produtos e desenvolvemento pesqueiro, así como posibles acordos de intercambio comercial e técnico. Tamén participaron o Embaixador de España en Uruguai, así como outras autoridades do país.

A misión da Deputación de Lugo e da CEL continuará nos próximos días con novas reunións en Montevideo, na que participan empresas como Innogando, Medrar Smart Solutions, Suministros Megaro Foods SL e Congelados Sariego.



Comparte éste artículo
No hay comentarios