A eurodeputada do BNG critica que os populares boicoteen peticións na Eurocámara apoiadas por miles de galegos e galegas.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia o novo boicot que o PP levou a cabo hoxe sobre tres cuestións galegas para que as denuncias sobre a contaminación no encoro das Conchas, a instalación da macrocelulosa Altri e a manipulación na CRTVG non se debatan nas vindeiras sesións da Comisión de Peticións.
A eurodeputada galega salienta que estas tres cuestións están estreitamente relacionadas coa lexislación europea e o PP impide unha vez máis que sexan debatidas no Parlamento Europeo. “É algo inaudito”, manifesta Ana Miranda, quen sinala que o caso do encoro das Conchas é tremendamente grave, debido a súa contaminación por nitratos, toxinas e cianobacterias.
Ao respecto, Ana Miranda lembra a existencia dunha sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que condena á Xunta e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, (dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica), a sanear este encoro. Ademais, a sentenza recoñece que a inactividade desas administracións públicas vulnera os dereitos fundamentais, que pese a coñecer a situación e estar legalmente obrigadas a elo, non foron capaces de poñer remedio.
“É inexplicable que o PP se opoña á comparecencia dos veciños e veciñas da Limia na Comisión de Peticións da Eurocámara para que expliquen como lles afecta a contaminación do encoro”, subliña a eurodeputada do BNG, quen considera inaceptable esta oposición dos populares a que a cidadanía galega que denuncia problemas medioambientais teña voz no Parlamento Europeo.
Dobre vara de medir
A eurodeputada galega tamén considera inaceptable que a dereita e a dereita boicoteen, unha vez máis, a comparecencia dos colectivos contrarios á instalación da macrocelulosa Altri en Palas de Rei e do colectivo que denuncia a manipulación na CRTVG. Ao respecto Miranda sinala que o PP fai uso da súa dobre vara de medir, xa que mentres por un lado apoian denuncias contra RTVE e TV3 e aplauden a comparecencia dos seus traballadores e traballadoras, son contrarios á comparecencia dos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos.
“Mentres o BNG ten unha actitude construtiva para dar voz á cidadanía, o PP alíase coa extrema dereita para evitar que un colectivo como o que se opón a instalación de Altri, que representa a miles de galegos e galegas, poida comparecer na Eurocámara”, critica a eurodeputada galega, quen expresa o seu compromiso a seguir traballando para que os colectivos afectados por estas tres casos poidan comparecer no Parlamento Europeo.