O Concello de Sada acollerá a estrea en directo de “Danza Luz” dentro do ciclo Elas Son Artistas, que celebra unha nova edición consolidándose como un espazo de referencia en Galicia pola súa aposta pola visibilidade das mulleres creadoras.
Leticia Rey presentará por primeira vez en directo o seu proxecto “Danza Luz” o día 8 de novembro no Concello de Sada, dentro do ciclo Elas Son Artistas. Será un concerto especial pola súa carga simbólica e emocional: a estrea dun espectáculo co que a artista galega dá vida ao universo poético e visual dun disco que conquistou á crítica e ao público desde o seu lanzamento en setembro.
“Danza Luz” é o primeiro traballo integramente en galego de Leticia Rey, e representa un punto de inflexión na súa traxectoria. Publicado unicamente en formato físico, o álbum reivindica o coidado, o tacto e o valor do feito artesanal. O libreto, con ilustracións de María Maquieira e deseño de Andrés Rey, xorde como unha peza artística na que palabra, imaxe e música conviven co mesmo peso. Desde a súa publicación, o disco foi destacado pola súa delicadeza estética e pola madurez da artista, capaz de converter a emoción en experiencia sensorial.
Ese mesmo universo expandirase agora ao escenario. A estrea de “Danza Luz” está concibida como unha obra total, na que a música se entrelaza coa luz, o vestiario e o corpo para construír unha experiencia escénica única. Neste novo formato, Leticia Rey asume tamén o peso do movemento, incorporándoo como parte esencial da súa linguaxe artística. Desde comezos de ano, a artista traballa co apoio da bailarina e creadora Estefi Gómez —quen tamén será parte do directo—, nun proceso que lle permitiu explorar o corpo como espazo de liberación e de renacemento.
O espectáculo propón así un diálogo físico e emocional: Leticia encarna o tránsito da sombra á luz a través da danza, xunto a Estefi Gómez, quen, ademais de exercer labores de dirección de movemento e acompañamento escénico, participa como presenza performática e contrapunto visual. A estrea terá lugar este sábado 8 de novembro ás 20:30 horas na Casa da Cultura Pintor Lloréns do Concello de Sada (entrada libre), e marcará o debut en directo dun proxecto que une música, palabra e corpo coa mesma delicadeza coa que se constrúe unha emoción.
Como preludio desta estrea, Leticia Rey acaba de presentar o videoclip de “Abrente”, dirixido por Pablo Goluboff e rodado no Mosteiro de Carboeiro (Silleda). A peza audiovisual, protagonizada pola propia artista, é unha declaración de principios: a luz que atravesa a pedra, o silencio que se transforma en voz, a vulnerabilidade que se converte en forza. A cámara percorre o espazo monumental cunha mirada íntima e pausada, evocando a pulsión visual que define tamén o disco. “Abrente” funciona así como síntese de “Danza Luz”, condensando en catro minutos o seu carácter poético e escénico.
Con este novo paso, Leticia Rey reafírmase como unha das voces máis singulares e coherentes da escena galega actual. “Danza Luz” é un proxecto que une música, palabra e corpo desde a emoción e o coidado, unha invitación a “danzar coa sombra para transformala en luz”, como define a propia artista.