O PP advirte que “o Goberno de Sánchez contradí ao PSOE lucense e ribadense ao asegurar que o mantemento da Ponte dos Santos é adecuado”

Balseiro quere saber “que opinan o BNG e o PSOE de Ribadeo” que apoiaron a petición de actuacións ante a “varanda abandonada, a malla descoidada,a falta de desbroce da senda que pertence ao Camiño Norte e o pavimento da A-8 nun estado mellorable”.

O PP condena que “unha vez máis o PSOE en Madrid contradiga ao PSOE lucense e, neste caso, ao PSOE de Ribadeo” en relación á demanda unánime da corporación municipal de reclamar ao Goberno de Sánchez a reparación e o mantemento da Ponte dos Santos.

Os senadores do PP lucense -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- fixéronse eco, a petición do alcalde de Ribadeo, Dani Vega, do acordo unánime de tódalas forzas políticas do Concello e preguntaron ao Goberno de Sánchez tanto polo estado de conservación da varanda, da malla de protección e do asfaltado da ponte. E “vemos que, unha vez máis, nos enganou porque o mantemento é ningún”, segundo manifestan os populares.

O senador mariñán explica que o Goberno de Sánchez en resposta oficial asegura que se fai o mantemento periodicamente e que se actuou no firme en xullo deste ano entre Barres e Ribadeo, pero todo o mundo pode comprobar a situación”: a varanda abandonada, a malla descoidada e o pavimento nun estado mellorable.

Balseiro sinala que “nos gustaría saber que opinan disto o BNG e o PSOE de Ribadeo. O PSOE en Ribadeo opina unha cousa e no Goberno de España opinan todo o contrario”.

O alcalde sinala que a reclamación de tódolos grupos municipais ao Goberno do Estado “é clara”: investir na conservación da Ponte dos Santos (na varanda, nos sistemas de protección e no pavimento da vía) e tamén no segundo acceso a Ribadeo dende a A-8 e ao acceso dende a estrada de Vilela á variante. 

Estas peticións xa foron trasladadas polo alcalde ao Delegado do Goberno en Galicia fai poucos días cando visitaba Ribadeo. E, recentemente, “conxuntamente” co alcalde de Castropol reclamaba tamén a iluminación dos accesos da A-8 ás dúas localidades.

Vega reclama “investimentos para mellorar as infraestruturas de Rbiadeo que son fundamentais para que o municipio e toda a contorna sigan avanzando”.

PONTE DOS SANTOS, A A-8 E O CAMIÑO NORTE

A Ponte dos Santos é unha importante infraestrutura inaugurada no ano 1987 sobre a ría de Ribadeo que actúa como fronteira entre Galicia (Ribadeo) e Asturias (Castropol). Dende a súa ampliación no 2008, o viaduto permite o paso de vehículos pola autovía do Cantábrico; pero tamén dispón dun espazo de tránsito peonil e ciclista que permite o contacto social continuo entre Ribadeo e Castropol, ademais de dar continuidade á ruta do Camiño Norte.

O alcalde popular sinala que “a pesar de que pola marxe da ponte pasa o Camiño Norte, está sen acondicionar; tendo que ser, moitas veces, o Concello o que desbroce para habilitar o paso dos peregrinos”. Nese sentido, advirte que “ao Goberno central non lle importa nada a promoción do turismo e do Camiño de Santiago que é tan importante para Galicia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios