O PP subliña o compromiso do Goberno galego co novo centro de saúde de Becerreá “ao que reserva nos Orzamentos do 2026 unha partida de 1,27M€”

O novo centro de saúde permitirá dotar á comarca dun equipamento sanitario adaptado ás necesidades, máis accesible, con mellores condicións para profesionais e pacientes.

A deputada autonómica e portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, explica que “a Xunta de Galicia consolida o seu compromiso coa mellora da sanidade pública no rural lucense e, concretamente, na comarca da Montaña coa posta en marcha do novo centro de saúde de Becerreá, unha infraestrutura moderna e funcional que contará cun investimento total estimado de 3,2M€”.

Amigo visitou os terreos onde o Goberno galego construirá o novo centro de saúde acompañada polo portavoz José Fernández Carrete e concelleiros do PP en Becerreá onde lembrou que “nos orzamentos autonómicos de 2026 se destina xa unha partida de 1,27M€ para o inicio das obras, dentro dun proxecto que permitirá dotar á comarca dun equipamento sanitario de referencia, adaptado ás necesidades actuais da veciñanza e ás novas tecnoloxías dispoñibles no Servizo Galego de Saúde”.


O proxecto, actualmente en fase de redacción tras a licitación aprobada pola Consellería de Sanidade cun importe de preto de 270.000€, prevé a construción dun edificio de arredor de 2.150 metros cadrados de superficie útil, no que se integrarán servizos asistenciais, administrativos e de apoio técnico.


O novo centro de saúde disporá de:

• Tres consultas de medicina de familia e tres de enfermaría, con espazos amplos e accesibles.

• Sala polivalente, área de administración e zonas de atención á cidadanía.

• Unha unidade de odontoloxía e outra de fisioterapia, para mellorar a atención integral sen necesidade de desprazamentos.

• Punto de atención continuada (PAC) renovado, con sala de observación e box de críticos, reforzando a capacidade de resposta ante urxencias.


A nova infraestrutura substituirá ás actuais instalacións, que resultan insuficientes para atender a demanda asistencial dun municipio clave na montaña lucense e cabeza comarcal de servizos sanitarios.


Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por reforzar a atención primaria no rural, garantir a equidade territorial e modernizar os centros de saúde da provincia de Lugo. Con esta actuación, Becerreá contará cun centro de saúde do século XXI, máis accesible, con mellores condicións para profesionais e pacientes, e plenamente integrado na rede de servizos dixitais e asistenciais do Sergas.

O investimento de sanidade para este 2026 supera os 700M€ na área sanitaria de Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios