O Auditorio Municipal de Val do Dubra (Bembibre) acolle o 6 de novembro ás 20:30 horas a derradeira charla deste ano da iniciativa que procura a colaboración da veciñanza na recolla de nomes de montes, leiras e outros microtopónimos.
A edición de 2025 de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega á súa fin este xoves 6 de novembro en Val do Dubra. A campaña da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua ofrecerá ás 20:30 horas no Auditorio Municipal unha charla na que a veciñanza poderá coñecer aorixe e o significado dos nomes das parroquias e aldeas en que vive e aprender como participar na salvagarda das voces que designan cada monte, leira ou fonte e outrosmicrotopónimos do concello a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
O coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, impartirá a duodécima sesión deste ano, que presentará o alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz Méndez. No concello xa se fixera unha primeira recolleita da microtoponimia no marco do Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), unha etapa na que se recompilaron arredor duns 4.000 nomes en todo o territorio deste concello coruñés. O obxectivo agora é completar a recolleita inicial, corrixir erros de localización e contar ademais con audios que reproduzan a pronuncia dos topónimos ou fotos dos elementos de interese cultural que enriquezan as fichas de cada un dos topónimos no visor de Galicia Nomeada. A Asociación Vento Libre da parroquia de San Román é undos colectivos que xa mostrou moito interese en se implicar neste labor.
Galicia Nomeada permite que calquera veciño ou veciña rexistre nomes da terra que forman parte da memoria colectiva da súa contorna e do patrimonio cultural inmaterial de todo o país. Tamén é posible a través desta aplicación realizar suxestións e completar a información que existe xa na aplicación con imaxes, lendas ou descricións complementarias. A documentación achegada polos voluntarios é revisada polos técnicos do Seminario de Onomástica da RAG.
Alén de aprender a usar este espazo colaborativo, o público coñecerá a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas. Buxán e Val do Dubra, denominacións que tivo o municipio ao longo da súa historia, serán parte dos topónimos protagonistas. Dubra é un hidrónimo de orixe prerromana, emparentado co irlandés antigo dobur ou o galés dwfr, os dous co significado de ‘auga’ e todos eles derivados dun protocelta dubron, dubrā do mesmo significado; Buxán é un derivado do nome persoal latino BUSIUS, *BUSIANUS, moi documentado en Galicia desde o século X.
Máis dun cento de concellos ‘toponimizados’
Dende o ano 2017, a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría xeral da Lingua, está a ofrecer charlas divulgativas por medio do programa Toponimízate en concellos, colexios, asociacións culturais e centros de maiores sobre o valor cultural da toponimia galega e a necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada. Val do Dubra será o concello número 108 en que se realiza esta iniciativa. A campaña terá continuidade o ano que vén noutra ducia de concellos.