“Vagos e trileiros que se esquecen da Galiza “ cualifica Carme da Silva o Partido Popular.
A senadora do BNG, Carme da Silva, reivindica os avances polo Bloque Nacionalista Galego na Lei de Mobilidade Sustentábel, froito dun intenso traballo político e negociador que permitiu introducir melloras fundamentais para o transporte público na Galiza, mentres o Partido Popular permaneceu ausente e sen presentar ningunha emenda en defensa dos intereses galegos.
Cercanías ferroviarias para a Galiza
Durante a súa intervención, Da Silva destaca que, grazas ás emendas incorporadas polo BNG, a nova Lei de Mobilidade obriga a realizar, nun prazo máximo de seis meses, un estudo específico dos servizos de transporte ferroviario de proximidade na Galiza, recoñecendo así a necesidade de poñer fin á discriminación histórica que sofre o país nesta materia.
Pola contra, destapa a senadora do BNG, o PP “non quere que haxa unha disposición legal que recoñeza expresamente a necesidade de eliminar a discriminación da Galiza en materia de transporte ferroviario e presenta unha emenda para retrasar o servizo de mobilidade diaria na Galiza baixo a pretensión de estendela a todas as Comunidades Autónomas”.
Unha emenda, enfatiza Carme da Silva, que está rexistrada no Senado mais ningunha das 95 rexistradas no Congreso polo Partido Popular: “o PP desprezou a posibilidade de introducir melloras na mobilidade da Galiza e a súa presunta preocupación empezou cando se coñeceron as melloras introducidas polo BNG” critica.
Mantemento das paradas de autobús
Outro dos logros conseguidos polo BNG foi garantir o mantemento das paradas intercomunitarias que o proxecto inicial do mapa concesional pretendía eliminar. Grazas á intervención nacionalista, a lei incorpora unha fórmula que asegura o financiamento estatal destas paradas, tanto as que asuma a Xunta como as que continúen baixo xestión do Estado.
“Conseguimos manter as 22 paradas que afectan a concellos galegos, e no caso de seren asumidas pola Xunta, non lle suporán ningún gasto adicional. Isto é defender Galiza con feitos, non con propaganda” subliña da Silva.
Co BNG, Galiza avanza (e gaña)
“É o BNG quen fai o traballo de defensa dos intereses da Galiza e da mobilidade das galegas e galegos, mentres o PP tenta impedir avances para a Galiza. Vergoña debería darlles aos senadores e senadoras galegos do Partido Popular” afirma Carme da Silva.
A senadora tamén critica a tentativa do PP de disfrazar a súa inacción con emendas que invaden as competencias da Xunta, tentando aparentar unha defensa que nunca existiu: “son auténticos trileiros políticos: mentres o BNG traballa con seriedade, o PP fai barullo para colgarse medallistas” denuncia.
Carme da Silva conclúe lembrando que o BNG foi quen de introducir na Lei de Mobilidade o recoñecemento da realidade galega na planificación do transporte, garantindo máis servizos ferroviarios, protección das paradas de autobús e unha mobilidade pública máis xusta e eficiente.
“Grazas ao BNG, Galiza avanza en mobilidade e en igualdade territorial. Mentres tanto, o PP e a Xunta seguen demostrando a súa inutilidade e falta de compromiso co país”sentenza Carme da Silva.