O decálogo de medidas recolle a exención do pago do IVE con facturaciónmenor a 85.000€ ao ano, Tarifa Cero o primeiro ano de actividade, pasar de 4 declaracións a 2 ou 1 ao ano, exención do pago das cotizacións por baixas de enfermidade grave, facilidades para traballar despois da idade de xubilación, exención de cotas 2 anos despois da paternidade ou maternidade ou a compatibilidade do traballo autónomo e por conta allea.
Os deputados do PP lucense no Congreso – Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades- trasladaron dende A Mariñaalgunhas das propostas do Plan Integral de Autónomos do Partido Popular ao presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) de Foz, José Carlos Paleo, nunha reunión na que tamén participou o portavoz, Javier Jorge Castiñeira, e concelleiros do PP municipal.
Os populares aproveitaron o encontro para expoñer algunhas das medidas do Partido Popular, pero tamén para escoitar de primeira man a situación do sector, as súas demandas e “recoller novas propostas que se poidan incorporar” ao plan que ten como obxectivo “apoiar aos autónomos, apoiar aos que se esforzan e traballan para saír adiante, crear oportunidades e xerar riqueza”. Nese sentido, dende a asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Foz cren necesario para os pequenos negocios “reforzar o seu financiamento e promover o relevo xeracional”.
O deputado mariñán Jaime De Olano subliñou, en relación ao “Contrato cos Autónomos” do Partido Popular que “os catro principios básicos de apoio aos autónomos son: menos trabas e impostos, máis facilidades para crecer, máis protección e máis confianza do Estado no autónomo”.
O popular lembra que “os autónomos sufriron 10 subidas de cotizacións dende que goberna Sánchez. Non é xusto que o Goberno só recorde aos autónomos á hora de subir impostos, mentres os seus ministros gastan o diñeiro público en pagar os seus vicios”. Así, asegura que “fronte ao Goberno de Sánchez que desprotexe aos autónomos e incentiva máis os subsidios que o autoemprego, o Partido Popular aposta por un Goberno que valore o seu traballo e esforzo”.
As medidas que os deputados lucenses trasladaron ao representante da asociación de comerciante atópanse a exención do pago do IVE aos autónomos que facturen menos de 85.000 euros ao ano, a tarifa cero o primeiro ano de actividade -con posibilidade de amplialo a un segundo a menores de 35 anos ou con ingresos por debaixo do SMI- ou pasar de 4 declaracións trimestrais a 2 semestrais e unha única declaración anual para os novos emprendedores.
Así mesmo, daban traslado doutras medidas que anunciaba hoxe mesmo Alberto Núñez Feijóo e das que se poderían beneficiar máis de 30.000 lucenses. Trátase da exención do pago das cotizacións por baixas de enfermidade grave, facilidades para traballar despois da idade de xubilación, exención de cotas dous anos despois da paternidade ou maternidade, equiparación dos dereitos de lactancia e melloras para compatibilizar o traballo autónomo e por conta allea.
O Plan de Autónomos contempla tamén medidas de flexibilidade no pago de cotas para aqueles que atravesen momentos difíciles ou axudas para os emprendedores que precisen unha segunda oportunidade.
Decálogo de cláusulas do Contrato cos Autónomos do PP:
1. Exención do IVE a quen factura menos de 85.000 euros ao ano.
2. Tarifa Cero para novos autónomos.
3. Redución das declaracións. De catro a dúas ou a unha.
4. Non pagar cotizacións por un ano polo primeiro empregado contratado.
5. Non pagar cotizacións polas baixas por enfermidade grave.
6. Facilidades para traballar despois da idade de xubilación.
7. Compatibilizar traballo autónomo e traballo por conta allea.
8. Exención de cotas durante dous anos trala paternidade e maternidade.
9. Equiparación dos dereitos por lactancia.
10. Clarificar e incrementar as deducións de gastos.