O responsábel do proxecto galego de divulgación musical Ábrete de Orellas repasará desde os pioneiros da década de sesenta até a vizosa escena actual.
A Casa-Museo Manuel María acolle este próximo sábado, 8 de novembro, ás 19 horas, unha palestra sobre a historia da música pop en galego, de Pepe Cunha, responsábel do proxecto galego de divulgación musical Ábrete de Orellas.
O momento vizoso que se vive na actualidade para as músicas cantadas en galego dálle pé a Cunha para dar unha vista de ollos tempo atrás e pór en valor as persoas que deron inicio este estilo de música, derrubando todo tipo de impedimentos e prexuízos. Repasará, de maneira sucinta, a historia, sinalando fitos e nomes chave, pioneiras, algunha rara avis, estilos e movementos, porque cómpre (re)coñecer nomes que foron populares e outros que deberon selo pola pegada que deixaron desde a década de sesenta até hoxe. Los Tamara, Andrés do Barro, Voces Ceibes, o MPCG, o Bravú… serán obxecto da palestra e durante a exposición Pepe Cunha picará algunhas das súas pezas.
Pepe Cunha é o nome que está tras o proxecto galego de divulgación musical Ábrete de Orellas, activo desde hai 25 anos e Premio Martín Códax ao mellor espazo de comunicación Musical en 2016 e 2018. Ábrete de Orellas naceu como programa musical a finais do século pasado e entrega cada semana unha nova edición de sesenta minutos que emiten as grellas da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Piratona, Radio Neria…), algunhas municipais como Radio Redondela, Radio Allariz, A Xente de Teo… e plataformas como Podgalego, Agora.gal, Pontevedra Viva Radio… Cunha é autor do libro Guadi Galego. Pola beira da canción (Embora, 2019), responsábel dos contidos da premiada exposición#cantáMOLAengalego (2000-2020) para o Concello de Pontevedra e da expoción #GaleGoza para Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como partícipe en artigos en prensa, charlas, coloquios ou xurado de concursos musicais.
A actividade deste sábado na Casa-Museo Manuel María é de acceso libre mais é necesario reservar encontacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621