Daranse apoios de ata o 75 % das obras de mellora en concellos de menos de 5.000 habitantes co obxectivo de asentar poboación no rural.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe un novo programa de axudas que cubrirá ata o 75% das obras de rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes —ata un máximo de 30.000 euros— co fin de asentar poboación no rural.
Durante a sesión de control do Parlamento, o presidente autonómico informou ademais de que o ano que vén se vai subir de 5 a case 15 millóns de euros o apoio para que os promotores poidan “construír vivenda e vendela despois” en prezo social accesible.
Rueda, que situou o acceso á vivenda como un dos problemas que hai que resolver desde as administracións, puxo en valor a importancia de contar con orzamentos para “programar, ter recursos, cumprir e seguir cumprindo e programando”. Así, a construción de vivenda pública contará en total con 163 millóns de euros no 2026, un 60 % máis que este ano.
O presidente resaltou ademais que no próximo exercicio Galicia seguirá investindo en I+D+i, con 405 millóns de euros, e que se destinarán 15 millóns a impulsar as oportunidades na industria de defensa, sobre todo en Lugo; máis de 260 millóns para infraestruturas sanitarias; e 3.000 millóns de euros en educación; ao tempo que se concederán 800 millóns de euros de rebaixas fiscais.
Compromiso coa sanidade pública
O presidente autonómico apuntou que se destinan a cifra récord de 5.671 millóns de euros á sanidade, cun incremento de preto de 4 %, o dobre que o orzamento xeral da Xunta. Rueda sinalou que a sanidade galega “é motivo de orgullo: a mellor sanidade de España e unha das mellores de Europa”. Neste sentido, lembrou que Galicia é a cuarta comunidade autónoma con mellores tempos en listas de espera, e que é líder en vacinación, en cribados e en técnicas avanzadas contra o cancro, situándose como a primeira comunidade en incorporar tratamentos de protonterapia na sanidade pública.
O responsable do Executivo galego recordou que a cirurxía robótica, presente en todas as áreas sanitarias, permitiu facer xa preto de 12.000 intervencións; e que o sistema de vías rápidas permitiu atender xa a 350.000 doentes.
Na súa intervención no Pleno, Rueda lembrou que o vindeiro ano se aprobará o novo Plan de saúde mental, á que se destinan 37 millóns de euros nos orzamentos da Consellería, cun incremento do 8% con respecto a este ano. Tal e como sinalou Rueda, en 2026 van incorporarse 21 novos psicólogos clínicos á rede de atención primaria, cifra que se irá incrementando progresivamente.