A visita forma parte dun convenio de colaboración internacional da Axencia Galega de Innovación (GAIN), con RAICEX dentro do programa Oportunius da Xunta de Galiciaco obxectivo de dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i e promover colaboracións científicas entre Galicia e os países nórdicos e bálticos.
A Universidade da Coruña acolleu esta mañá a visita da misión organizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración coa Rede de Asociacións de Investigadores Españoles no Exterior (RAICEX), no marco do programa Oportunius da Xunta de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é impulsar a visibilidade da ciencia galega no exterior e favorecer novas liñas de cooperación internacional entre investigadores que desenvolven a súa carreira en países nórdicos e bálticos e grupos de investigación galegos.
A delegación está integrada por investigadores españois que traballan en Noruega, Suecia, Dinamarca, Finlandia, Lituania e Letonia, así como por representantes das asociacións RAICEX destes países, que actúan como “embaixadores” para fortalecer a conexión entre os ecosistemas científicos galego e europeo.
Durante a súa estancia na UDC, a misión celebrou unha xornada centrada nos centros de investigación da cidade da Coruña, cun programa que inclúe visitas ao CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil).
O acto de benvida contou coa participación do vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, do director da Oficina de Captación de Persoal Investigador (OCPI), José A. Mahía, e do director do CICA, JaimeRodríguez, que presentaron as principais liñas de I+D+i da Universidade da Coruña e a súa rede de centros de investigación.
A programación incluíu tamén presentacións sobre os servizos de apoio á investigación e á internacionalización —Oficina de Captación de Persoal Investigador, Punto EURAXESS e Oficina de Proxectos Internacionais—, ademais de reunións bilaterais entre o persoal investigador visitante e o dos grupos da universidade para explorar posibles sinerxías e proxectos comúns.
Entre as persoas participantes destacan Antonio García-Moyano (NORCE Norwegian Research Centre); Antonio J. Capezza (KTH Royal Institute ofTechnology, Suecia); María Fernández Míguez (Universidade de Bergen);Roberto Leiras González (Universidade de Copenhague); e representantes das asociacións RAICEX nos países nórdicos e bálticos: Carlos ViscasillasVázquez (ACE Baltic); Francisco Javier Vilaplana Domingo (ACES) e Alberto Valero-García (IENO).
A visita á Universidade da Coruña forma parte dun programa máis amplo de tres días, que se desenvolve entre o 5 e o 7 de novembro, e que inclúe encontros en distintas institucións galegas de I+D+i co obxectivo de reforzar a proxección internacional da investigación galega e fomentar novas redes científicas de cooperación.