O BNG coorganiza na Eurocámara a conferencia sobre memoria histórica “Franquismo sen Franco: legado autoritario, impunidade e esquecemento”

Ana Miranda: “Quero salientar o apoio que sempre amosou o Grupo de Memoria Histórica Democrática do Parlamento Europeo na recuperación do pazo de Meirás.

No décimo aniversario do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo e do 50º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, coorganiza unha conferencia sobre memoria histórica que se desenvolverá o vindeiro martes 11 de novembro, baixo o título “Franquismo sen Franco: legado autoritario, impunidade e esquecemento”.

“Quero salientar o apoio que sempre amosou o grupo de Memoria Histórica Democrática do Parlamento Europeo na recuperación do pazo de Meirás e na loita antifascista”, subliña a eurodeputada galega a respecto do traballo desenvolvido polo Grupo nestes dez anos. Este grupo está formado por eurodeputadas e eurodeputados de catro grupos parlamentarios europeos —Greens/EFA, S&D, Renew Europe, e The Left— e reúne representantes de distintos partidos do Estado español, entre eles BNG, ERC, Compromís, Comúns, Podemos, Sumar, EH Bildu, PSOE e PNV.

Así nas xornadas participarán as eurodeputadas e eurodeputados do Grupo de Memoria xunto con representantes de asociacións memorialistas, xuristas, académicos e vítimas do franquismo, cunha ampla representación galega de asociacións memorialistas, xuristas, de todo o territorio galego. A conferencia contará con dous paneis temáticos: O primeiro, titulado “Marco lexislativo do Estado español e desafíos do legado autoritario”, abordará os límites e as reformas necesarias do marco xurídico español fronte aos crimes do franquismo e a falta de xustiza transicional. 

Desenvolvemento da conferencia

Neste primeiro panel participarán Manuel Monge, escritor e profesor de educación secundaria, foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña; Rafael Escudero, doutor en Dereito e profesor de Filosofía do Dereito; Irene Álvarez, avogada, forma parte do equipo xurídico de CEAQUA en Galiza; Gustavo Socorro, fundador do Centro de Estudos Xustiza e Democracia (CEJD), produtor e director de cine; Neus Roig Pruñonosa, doutora en Ciencias Humanas e Sociais e Presidenta do Observatorio das Desaparicións Forzadas de Menores (ODFM); Maider Maraña, doutorando en Dereito e Ciencias Sociais e Máster de Investigación en Dereito da Cultura, con investigación sobre o acomodo normativo dos sitios de memoria; e Rosa Pérez, profesora de Dereito da Universidade de Valencia.

O segundo panel, “Memoria activa fronte ao revisionismo histórico e á desmemoria”, reunirá activistas e vítimas nun debate sobre as estratexias de resistencia ante o negacionismo e o esquecemento. Nel participarán Flor Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados polo franquismo; Rosa García Alcón, activista de La Comuna, asociación de presxs e represaliadxs do franquismo; Floren Aoiz Monreal, presidente da Fundación Iratzar, escritor e columnista no xornal GARA; Lola Sierra, vicepresidenta da ASC La Desbandá; Angelita Cueva, vítima da represión franquista en Asturias e concelleira de memoria democrática en Langreo; e Maria Antònia Oliver, presidenta da Asociación Memòria Històrica de Mallorca (MdM).

Tras estes paneis terá lugar o acto conmemorativo do 10º aniversario do Grupo de Memoria Democrática, presentado por Ana Miranda e Vicent Marzà e no que intervirán antigas eurodeputadas e eurodeputados como Willy Meyer, RaülRomeva, Izaskun Bilbao Barandica e Jordi Sebastià. Ademais, Miguel Urbán, exeurodeputado e un dos fundadores do Grupo de Memoria do Parlamento Europeo, presentará o traballo realizado polo grupo na súa primeira década de existencia, entre o que destacan iniciativas como as visitas ao Pazo de Meirás, Cuelgamuros, Pico Reja, Paterna e a tumba de Lluís Companys,

A continuación, celebrarase un coloquio con algunhas das asociacións memorialistas que teñen traballado co Grupo de Memoria do Parlamento Europeo, no que participarán Carlos Babío, investigador, coautor do ensaio “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio”; Soledad Luque, presidenta da asociación «Todos los niños robados son también mis niños»; Irídia, que denunciou ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos as torturas na comisaría de Via Laietana durante o franquismo; entre outros.

“Cando se cumpren 50 anos da morte do ditador, é máis necesario que nunca lembrar que non hai democracia plena sen memoria, nin xustiza sen verdade e reparación das vítimas”, destaca Ana Miranda.

Comparte éste artículo
No hay comentarios