La Madriguera de Pichi, Membermetrics e Rethink fixéronse cos Santander X Spain Awards aos Mellores Proxectos Emprendedores Universitarios 2025, mentres que a startup Artificial Intelligence Indestia acadou o premio Santander X Spain Awards á mellor Startup Universitaria 2025.
A Universidade da Coruña vén de entregar os Premios de Emprendemento no marco do novo programa universitario de impulso ao emprendemento e ao emprego de IMPULSA-T. Oevento contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, María José Lombardía Cortiña; acompañada por José Anta Álvarez, adxunto de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia; Marta Mariño Regueiro, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e María Eugenia Fandiño Pita, xerente de Institucións de Galicia de Santander España.
Durante a súa intervención, a vicerreitora destacou que “o emprendemento é crear oportunidades, transformar ideas en realidade e apostar polo propio talento” e que “na Universidade da Coruña cremos firmemente que cada estudante leva dentro de si a semente do cambio, da innovación e do impacto positivo na sociedade”, subliñando que “estes premios axudan a descubrir e potenciar este talento”.
O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras do panorama estatal, ofrecéndolles apoio no seu crecemento, visibilidade, proxección internacional e mentorías personalizadas de xeito gratuíto.
Os primeiros premios en entregarse foron para os proxectos emprendedores en fase de validación do programa “Santander X Spain Awards | Proxectos Emprendedores Universitarios 2025”. En primeiro lugar, María José Lombardía Cortiña e María Eugenia Fandiño Pita fixeron entrega dos diplomas aos tres equipos finalistas:
– Consultoría & Datasafe Innovations, unha iniciativa de asesoría especializada na regulación da intelixencia artificial e na protección de datos persoais, dirixida a concellos galegos de menos de 15000 habitantes e a microempresas.
– Juryscription, un software que combina a análise de datos e intelixencia artificial para modernizar o ámbito xudicial mediante a automatización dos procesos administrativos.
– Tapit, unha proposta de dixitalización do intercambio de tarxetas de visita mediante tecnoloxía NFC, recoñecida ademais cunha mención de honra.
A continuación, entregáronse os diplomas e premios económicos (2000 euros por proxecto) aos equipos gañadores desta modalidade:
– La Madriguera de Pichi, un centro de educación ambiental para achegar a natureza ás escolas empregando metodoloxías pedagóxicas innovadoras en sustentabilidade e conservación.
– Membermetrics, un proxecto de plataforma integral para a recollida, análise e xestión das valoracións e opinións de clientes en tempo real, orientada actualmente ao sector dos ximnasios.
– Rethink, un sistema de reciclaxe comunitario de plásticos que recompensa ás persoas usuarias con puntos, os cales poden cambiar por produtos ou descontos en empresas colaboradoras.
O acto continuou coa entrega dos premios ás startups universitarias, enmarcados no programa “Santander X Spain Awards | Startup Universitaria 2025”. José Anta Álvarez e María Eugenia Fandiño Pita fixeron entrega dos diplomas de finalistas a Motion and Force Engineering Solutions e Nerxus Quality Solutions, dúas spin-offs da UDC orientadas, respectivamente, á aplicación da investigación biomecánica e á optimización da eficiencia enerxética. O diploma de startup gañadora, dotado cun premio económico de 4000 euros, foi para Artificial Intelligence Indestia, que incorpora a intelixencia artificial ao ámbito publicitario, con especial foco nos anuncios inmobiliarios.
Na última parte da cerimonia procedeuse á entrega dos premios ao estudantado da Universidade da Coruña polos seus traballos de fin de estudos vinculados ao ámbito do emprendemento. As dez persoas galardoadas presentaron e defenderon os seus proxectos entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de xullo de 2025. Concedéronse primeiros e segundos premios en cada unha das cinco áreas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura), dotados con 800 e 400 euros, respectivamente. Estes premios contaron co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
Persoas premiadas:
– Artes e Humanidades: Clara Souto Ferreiro (1º premio), polo desenvolvemento da estratexia de branding dunha marca propia: Beboppy.
– Ciencias: Manuel Loureiro Muiños (1º premio), polo deseño dun nanosensor para a detección rápida e selectiva de bacterias patóxenas; e Santiago Fernández-Noriega Balseiro (2º premio), con Tapit, un proxecto de dixitalización de tarxetas de visita con tecnoloxía NFC.
– Ciencias da Saúde: Pablo Páramo Telle (1º premio), co proxecto ComunicELA para a mellora da comunicación en pacientes con ELA; e Cecilia Belzarena Fernández (2º premio), polo desenvolvemento dun sistema de detección automática da COVID-19 persistente a partir de imaxes OCT.
– Ciencias Sociais e Xurídicas: Mónica Irina Casas Pérez (1º premio), polo proxecto de implementación da economía circular nun restaurante saudable; e Iván Suárez Míguez (2º premio), cun proxecto de residencia de mascotas na cidade da Coruña.
– Enxeñaría e Arquitectura: Irene Rodríguez Ríos (1º premio), polo seu traballo de redeseño da ourivaría tradicional galega para xoiería de alta gama; Lucía Naya Cambón (2º premio), polo desenvolvemento dunha ferramenta de análise de indicadores clave nunha empresa de produtos lácteos; e David Zambrana Seoane (2º premio), co traballo de deseño dun stack de observabilidade para plataformas de e-commerce.
A vicerreitora María José Lombardía Cortiña clausurou o acto resaltando que estes galardóns son “un reflexo do talento, da creatividade e da capacidade transformadora que queremos impulsar desde a Universidade da Coruña a través deste novo programa IMPULSA-T”.