Os marinenses, segundos na clasificación, visitan Betanzos este domingo.
Non hai tregua. A Tercera FEB (antiga liga EBA) volve a escena na súa cita da fin de semana e a axenda marca un duro rival para un Ineltrón Santo Domingo Betanzos que vén de perder en Mieres contra Universidad de Oviedo a pasada xornada. Os marinenses, segundos na clasificación tras Xiria, a sorpresa da liga, non son nin moito menos o mellor contricante para que os de Betanzos recuperen a senda da vitoria e demostren que o bo inicio de temporada non foi unha casualidade favorecida polo calendario.
O equipo pontevedrés, con pasado recente en ligas superiores, é un equipo que adoita pór na pista unha plantilla ben competitiva e este ano non é unha excepción: continúan na pintura o americano Hoogan e o neerlandés Van Wijk, como exteriores os experimentados Cardito, Filgueira Buceta ou Paz Cacheiro, e únense ao roster dende Chantada Hugo Rey, dende Obradoiro Miguel Souto Parrado, dende o Iraurgi de Segunda FEB o nixeriano Olowokere e dende a NCAA americana o base-escolta estadounidense, con pasaporte italiano, Jack Conell.
Así ve o partido o adestrador betanceiro Jose Amando Pena “Soviético”: “Partido moi difícil contra un equipo con xogadores moi bos en todas as posición que virá a Betanzos con moitas ganas para poder seguir na parte alta da clasificación. Intentaremos ser moi agresivos en defensa para retrasar os seus ataques e intentar paralos no 1×1. En ataque a ver se somos quen de xogar rápido, minimizando as perdas de balón. O dominio do rebote vai ser outra clave para poder igualar o xogo do rival. Destacar a incorporación de Marcos Rozas aos adestramentos e lamentar a baixa de Miguel Latas polo que queda de ano”.
A cita, o domingo ás 17h no Pavillón José María Valeiro “Tocayo”. O partido poderase ver, para quen non poida asistir ao encontro, na plataforma tiivii.gal.
Ampla xornada para os demais equipos do club
Polo que toca ao resto de equipos do club, a fin de semana do 8-9 de novembro retoma a normalidade logo da xornada atípica do primeiro e segundo de novembro. Xogan na casa as cadetes feminino de Decornaveira (fronte a Montrove), os masculino de J.
Caamaño Arquitecto (contra Maristas), as júnior de Infor-B (contra Compañía de María), as sénior feminino (fronte a Arteixo), La Goleta (contra Narón) e o outro sénior de Terceira Autonómica (fronte a Kempape); fano fóra os cadetes de Grelo (contra Salesianos) e os júnior (contra Basquet Coruña). A canastra pequena ofrece compromisos dos premini (Liceo) e dos mini de 2015 e de Piccola (contra Calasanz e Xiria respectivamente).