Os nacionalistas apuntan que o museo presenta filtracións de auga e numerosas pingueiras, e cren prioritario arranxar a súa cuberta para evitar danos nas pezas e elementos que acolle.
O BNG de Camariñas denunciou o “lamentable estado” no que se atopa o Museo de Man, que rexistra filtracións de auga e a cuberta “ten pingueiras por todos os lados”.
“É urxente e prioritario actuar canto antes”, sinalou a formación nacionalista, que considera “necesario e moi importante” acometer un arranxo integral da cuberta do museo, para evitar o deterioro de todas as pezas que nel se expoñen.
O voceiro do BNG camariñán, Xurxo Rodríguez, avanzou quepedirán ao equipo de goberno que nos vindeiros orzamentosmunicipais se habilite unha partida específica para a rehabilitación de toda a cuberta do museo.
“Non podemos permitir que o goberno local faga dispendios en novas inversións que non nos podemos permitir, cando logo temos outras instalacións que non son capaces de manter nunhas mínimas condicións”, recriminou o portavoz da organización nacionalista.