Un extraordinario primeiro cuarto foi o motor da terceira vitoria ligueira do Baxi Ferrol. O conxunto galego, que partiu dun 5-0 abaixo, non tardou en amosar a súa potencia de tiro para tomar as primeiras diferenzas favorables grazas ao tino alén da liña de 6,75. O equipo, que chegou a sobrepasar vantaxes de trinta puntos, deixouse ir no derradeiro cuarto, no que xogaron Silvia Millán e a junior Baldonedo. Ao final, a sexta xornada ligueira valeu para equilibrar o balanzo de triunfos e perdas (3-3).
Acerto ofensivo
Cinco puntos iniciais de Raventós non representaron o que ía ser o partido. Unha tripla de Blanca Millán e outra de Joris anularon a vantaxe local, que non volvería a darse no resto do encontro. Así, logo de que Mata volvera achegar ás locais a un 7-8, o Baxi Ferrol puxo a funcionar a máquina de anotar para dar un tirón no electrónico e irse a un 7-16 logo doutra de tres da belga. Niaré parou o parcial. As rapazas de Lino López mantiveron o nivel defensivo, reforzado polo acerto no tiro. Unha última canastra de tres de Sánchez-Ramos, a nove segundos do final, puxo o remate anotador ao cuarto. Un 45 por cento de acerto en tiros de tres marcaron o devir do mesmo. O Baxi Ferrol foi puro espectáculo.
O Baxi Ferrol mantén o ritmo
Erjavec fixo outra nova canastra de tres para comezar o segundo cuarto e puido ser mellor se o aro non mandara fóra o de Blanca Millán, logo de rebotar dúas veces no aro (18-30).
Once minutos e quince segundos tardou o cadro ferrolán en cometer a súa primeira falta. Logo, un segundo erro alén dos 6,75 rebaixou a porcentaxe visitante. En calquera caso, o cuarto era para Erjavec, que esqueceu a falta e o “air ball” anterior para facer o seu dous de tres alén dos 6,75..Unha asistencia de Erjavec a Daniels puxo a vantaxe ferrolá máis lonxe (22-35). Outro bloqueo para a croata liberárona para a nova tripla. Isaac Fernández pediu tempo absolutamente enfadado. O seu reproche ás súas non tiña disimulo.
A sueca Werh anotou os seus primeiros puntos logo dun rebote ofensivo tras un ataque moi sufrido, no que o Baxi Ferrol establecera unha defensa durísima. Aguilar continuaba cun baixo acerto até nos libres. O peor para o cadro galego foi poñerse en bonus no ecuador do cuarto.
Dous erros locais en pases fixeron que o técnico fixera unha tripla substitución. As ferrolás, se facían algo mal eran capaz de compensalo axiña. Por iso, un erro na saída da contra do Baxi Ferrol foi rectificado pola tampa de Melia a Werth, que continuou acompañada pola tripla de Joyner.
Respondeu Palma coa terceira tripla local, pero Joris fixo a cuarta súa, décima das ferrolás (28-50). No último minuto, Raventós cortou a contra de Šotolová e marchou ao banco con tres faltas. O Cadi recurtou con tres tiros libres, que lle. servíron para rebaixar os vinte puntos en contra.
Menos puntos, pero máis vantaxe
O segundo tempo comezou con tres faltas de Cadi en menos dun minuto. Entre elas, a cuarta de Niaré. O cadro catalán entrou en bonus a 7:51 coa primeira falta de Aguilar. Era o cuarto con menos cantidade de puntos, ao tempo que aumentaba o ritmo das faltas. Incluso Mata erraba dous libres. Os problemas do Cadi personificábanse nun saque de fondo á nada.
A cuarta tripla de Erjavec marcou outra máxima diferenza que fixo a Fernández pedir tempo (33-61). Cadi tiña un 30 por cento de acerto no tiro e Baxi Ferrol un 60. Logo dun 33-65 o conxunto galego recibiu un 4-0. Lino López non quixo dar esperanzas ás rivais e pediu tempo a a 1:36. Quería conseguir que a bola fora subida por quen non estivera marcada por Raventós. O Baxi Ferrol gañaba tamén o terceiro cuarto.
Desconexión co partido asegurado
Raventós fixo a cuarta falta no primeiro minuto do derradeiro cuarto. Erjavec tamén fixo a cuarta a 8:30. Unha bandexa de Morales foi a primeira canastra en xogo no mesmo, logo que pasaran dous minutos. Daniels tamén sumou a cuarta falta cando tapaba un tiro de Morales. Compensouno sendo a sexta xogadora do cadro ferrolán en anotar de tres no seguinte ataque (44-74).
O partido estaba gañado, pero os primeiros cinco minutos do cuarto deixaron ver a un Baxi Ferrol que se relaxara a todos os niveis, incluíndo dúas perdas consecutivas tras bote da bola contra o pé.
Malia todo, un pouco de orde abondou para volver á vantaxe de trinta no minuto 39, incluído a canastra de Silvia Millán, que non puido arredondar a súa presenza con dous tiros libres a once segundos do remate.
Gran triunfo do Baxi Ferrol, que iguala vitorias e derrotas, logo dunha semana na que o equipo logrou o quinto triunfo na Eurocup e tocou viaxar desde Polonia a Cataluña no medio do temporal meteorolóxico.
Ficha
VENRES 07/11/2025 (21,00) Pavillón: MUNICIPAL (700)
CADALA SEU : 61 – BAXI FERROL : 89 (18-27) (31-50) (39-69)
CAD: Aguilar (3), Raventós (14), Palma (3), Rodríguez (1), Mata (10) – cinco inicial -, Gonzales (9), Werth (6), Morales (6), Hollingshed (3), Niaré (6). Tre. Isaac Fernández. Non xogaron: Lacorzana, Díaz.
BAX : Šotolová (4), Joiner (10), Blanca Millán (11), Joris (17), Melia (10) – cinco inicial -, Sánchez-Ramos (8), Erjavec (17), Daniels (10), Silvia Millán (2), Baldonedo (0). Tre. Lino López.
Árbitros: Hurtado Almansa (Melilla), Aresté Giralt (Cataluña), Fanés Marginet (Cataluña).
Eliminadas: Hollingshed 40’ (61-89).
Foto: Daniels anotando na pintura. © Universitario Ferrol