Un gol de penalti, anotado por Pablo Trigo no prolongamento, impediu ao Compostela amarrar unha vitoria que agarimaba na Madalena. O líder, que perdeu a ocasión de escaparlle ao Somozas, púxose dúas veces por diante. Maceira, ao comezo do xogo, e con fortuna, beneficiado por outro en propia porta de José Varela, superada a hora de xogo, foron os autores das dianas. Sen embargo, Make, e o citado Pablo Trigo, que culminou uns últimos dez minutos locais de alto ritmo, conseguiron gañar un punto para os racinguistas, que lles permite seguir na parte alta da clasificación
Dous equipos bos facendo un bo partido
O partido da xornada no grupo galego da Terceira Federación tiña como escenario A Madalena. Racing Villalbés e Compostela acapararon o interese da afección, con moita xente desprazada desde Santiago. O encontro comezou moi mal para os da Terra Cha, que vían como aos dez minutos tiñan que facer a primeira substitución polas doenzas de López nun xeonllo.
O Compostela volveu amosar a súa capacidade ofensiva con pouco. Un despexe orientado, mal medido no despexe por Cadra, foi aproveitado por Maceira, que tras entrar na área cruzou á rede no minuto once.
O Racing Villalbés reaccionou, aínda que sen consecuencias no marcador. Herrero conduciu un ataque vertical, viu a ruptura de Pablo Trigo, pero o xute do canteirán deportivista chapouno Álex Cobo cunha estirada.
O Compostela non se deixou enganar pola vantaxe e no minuto vinte probou de novo a Álex Santomé cunha xogada de Antón. O ex ourensanista foise á esquerda para ficar sen ángulo de tiro, pero si de pase. Asociouse con Parapar, que desde a frontal axustou xunto ao pau para que se lucira o meta local.
O partido estaba aberto. Se Maceira sobresaía no Compostela, Herrero imitáballe no Racing. Do exterior do cadro chairego naceu o empate. Un centro seu ao corazón da área foi baixado co peito por Make para conectar un disparo ao que non chegou Álex Cobo.
A entretida primeira parte rematou con cinco minutos de prolongación e un disparo de Goris, desde a media lúa, que voou por riba da trabe.
O Compostela deixa escapar a vitoria
O segundo tempo comezou con cousas. Da Lama recibiu o amarelo por agarrar na banda a Maceira, que escapaba paralelo á cal. Pasaran segundos desde o asubío.
Aos tres minutos, logo que Herrero construíra o inicio dunha contra, Pablo Trigo continuouna presionado por Diego Rodríguez, que obrigou ao atacante a desfacerse do coiro cun disparo forte, pero polo centro, que Álex Cobo atallou en dous tempos.
Á hora de xogo Maceira rozou o gol. Cazou moi arriba, no segundo pau, un centro desde a esquerda e o balón agarimou a escuadra.
O tanto chegou tra máis tarde. Goris deu profundidade a un ataque aproveitando a subida de Diego Rodríguez, o central mandou un centro baixo ao segundo pau e José Varela, que non puido matar a forza coa que lle chegou o balón ao seu pé, meteuno na propia porta.
O Compostela despistouse no minuto 80. Co partido controlado, permitiu unha contra estruturada en tres chanzos. Herrero, Pablo Trigo e José Varela, construíron e foi o último quen a finalizou cun disparo raso e frouxo, chapado por Álex Cobo.
A acción espertou aos chairegos, que no seguinte ataque pediron penalti por unha presunta man de Samuel na área. Na continuación, o meta compostelanista embolsou o xute de David García desde o balcón da área. O partido cambiara, cun Racing Villalbés tendo máis folgos que o rival.
Metidos no prolongamento, Borja Míguez entrou na área en carreira, fintou a Valín e o defensa derrubouno inxenuamente. Pablo Trigo transformou o penalti do 2-2. O sexto gol do punta do cadro chairego faino igualar provisionalmente con Gabri (Arosa) e Aday (Lugo B) na cabeza da táboa de anotadores do grupo.
O Compostela deixou fuxir un triunfo ante un Racing Villalbés, limitado en efectivos, que sempre mostra un alto nivel competitivo.
Ficha
DOMINGO 09/11/2025 (12,00) Campo: A MADALENA (650)
RACING C. VILLALBÉS : 2 – S.D. COMPOSTELA : 2 (1‑1)
VIL : Álex Santomé; López (Borja Míguez 10’), Cadra, Da Lama (Vérez 84’), Buyo; José Varela, David García, Javi Varela (Gael 77’), Make, Herrero (Gegunde 84’); Pablo Trigo. Tre. Juan Rodríguez. (Banco: Yago Miguélez (g); Edu Reigosa).
COM : Álex Cobo; Diego Rodríguez, Crespo, Damián; Adrián, Goris (Cañi 68’), Mateo (Valín 68’), Uzal, Parapar (Carlos 78’), Antón (Samuel 68’); Maceira (Xoel 85’). Tre. Secho Martínez. (Banco: Graumann (g); Aarón Martínez; Kiko; Porrúa).
Goles: 0-1 Maceira 11’; 1-1 Make 27’; 1-2 José Varela 63’(pp); 2-2 Pablo Trigo 89’(p).
Árbitro: Estévez Blanco (Galiza-Ourense). Auxiliares: Cid Rodríguez e Cabano Docasar.
Disciplina: CA: Javi Varela 36’; Parapar 38’; Da Lama 46’; Pablo Trigo 59’; Samuel 70’; Herrero 71’; Cadra 90’; Carlos 90’ / Juan Rodríguez (tre. VIL) 43’.
Foto: Maceira avanzando cara ao primeiro gol. © 21noticias.com