Un deses partidos que fan desfrutar á bancada por entrega, xogo e paixón. E tamén por unha vitoria que os locais precisaban para paliar os desgustos fóra, onde padecen máis da conta. Recibían a un Praíña que chegaba en cuarta posición e cunha moi boa xeira de resultados, polo que no «Vicente Carril» era temida esta visita.
Pero apenas transcorrido o primeiro minuto, unha xogada de Soule acaba cun auténtico golazo de Pablo desde fóra da área, algo que desconcertaba a uns visitantes que atoparon un Camariñas arrollador, desposto a aumentar a vantaxe e que non se lles escaparan os puntos. E abofé que ocasións tiveron, algunhas moi claras que sen embargo non quixeron entrar. O Praíña foi un pouco máis incisivo no segundo tempo, pero apenas creaba perigo e cando o facían, atoparon a un Jorge seguro baixo paus. Sería nunha internada de Soule onde chegaría o gol da tranquilidade, despois de que lle fixeran penalti e fose transformado por Djibril. Un resultado curto para un partido perfecto en todo o demais e que deixa ao Camariñas novamente coma o mellor costeiro da clasificación.