As cinzas dos incendios contaminan as traídas de auga potable: «Lexislación e normativas, se non se aplican, son literatura»

O Axente Santos, de Amigas das Árbores de Ourense, denuncia a grave situación que está a comprometer o subministro de auga potable na provincia debido á total inacción da Xunta de Galicia tras os lumes que asolaron o Macizo Central.

Dois meses despois de que os incendios fóra de control arrasasen cos ecosistemas de montaña de máis valor, «non se fixo practicamente nada» para frear a erosión, os arrastres de cinzas e terra aos ecosistemas fluviais. O resultado directo é que as cinzas están a afectar as traídas de auga potable.

A plataforma subliña que o goberno autonómico está a incorrer nunha clara «incompetencia, desleixo e inacción». «Como é posible que en dous meses a Xunta de Galicia non dera instrucións ás brigadas forestais e aos axentes ambientais para levar adiante os imprescindibles traballos para minimizar os arrastres do ‘chapapote do monte’ aos ecosistemas acuáticos?», pregúntase o Axente Santos.

A denuncia recorda que o marco legal galego, incluída a Lei de Montes, obriga a tomar estas medidas, polo que o seu incumprimento transforma as normativas en simple «literatura».

As evidencias (mostradas en imaxes que reflicten a contaminación dun regueiro no encoro de Queixa e nos montes do Macizo Central ourensán) confirman que a erosión está a arrastrar directamente as cinzas aos depósitos de auga.

Así mesmo, o colectivo lamenta o silencio da Administración ante a súa petición de diálogo: «Solicitamos reunión do Consello Forestal e nin contestaron».

A Xunta xa ten listos os orzamentos de 2026, con prioridades que o Axente Santos critica: seguirán cunha política unilateral de «máis incendios, máis medios, máis incendios, máis…», sen analizar nin ter en conta a opinión dos representantes sociais.

Amigas das Árbores de Ourense conclúe a súa denuncia con rotundidade: «Non teñen perdón !!!!» pola posta en perigo da calidade de vida e a economía dos ourensanos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios