O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 13 de novembro, ás 19:00 horas, o relatorio “Contra Armada. A maior vitoria de España fronte a Inglaterra” impartido polo escritor e historiador Luis Gorrochategui, no marco do Ciclo de Conferencias do curso 2025/26 da Cátedra Jorge Juan, unha iniciativa impulsada pola institución herculina xunto coa Armada baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alicia Munín.
Luis Gorrochategui (A Coruña, 1960) forma parte da Asociación de Estudos Históricos de Galicia, do Instituto Torre de Hércules, da Orde de Cabaleiros de María Pita e da Asociación Gran Armada. Ten publicado máis de 200 artigos en libros, revistas especializadas e xornais. Entre as súas obras, destacan tres libros: La carabela de San Lesmes. El viaje más épico de la historia (Editorial Crítica, 2022), Las derrotas inglesas en el Río de la Plata, 1806 – 1807. Victoria decisiva en Buenos Aires (Ediciones Platea, 2018) e La Contra Armada. La mayor victoria de España sobre Inglaterra (Editorial Crítica, 2020).