A UDC recibe unha delegación da Central South University de China para reforzar lazos en investigación e innovación biomédica

A visita enmárcase no proceso de reactivación do acordo de cooperación entre a Xunta de Galicia e a provincia chinesa de Hunan nos eidos da saúde e da biotecnoloxía.

Universidade da Coruña (UDC) recibiu esta mañá a visita dunha delegación da Central South University (CSU), unha das universidades públicas de referencia en China, dependente directamente do Ministerio de Educación e clasificada como institución de categoría A dentro da iniciativa Double First-Class.

O encontro tivo lugar na Sala de Xuntas da Reitoría e contou pola parte da UDC coa participación do reitor, Ricardo Cao Abad; o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle López; a adxunta de Política Internacional, María Bobadilla; e Susana Ladra, catedrática da UDC e integrante do Clúster da Saúde de Galicia.

Pola parte chinesa, a delegación estivo encabezada polo profesor Li Zhihong, vicerreitor da CSU e representante do Xiangya Hospital, un dos hospitais universitarios máis prestixiosos de China, con máis de cen anos de historia. Acompañárono o profesor Tan Sipin, subdirector do Departamento de Fisiopatoloxía da Xiangya School of Basic Medical Sciences; Ji Hailong, subdirectora da Oficina de Cooperación e Intercambio Internacional; GaoDongbo, secretario do Comité do Partido no Dundee International Institute; e persoal da consultora Axperia Ventures, encabezados polo seu fundador e CEO, Armando Priegue Freire, xunto cos socios Tian Hong, representante do Goberno de Hunan para España e Portugal e Lin Fangxin, directora asociada desta empresa en Madrid.

Unha universidade de referencia internacional

A Central South University, situada na cidade de Changsha (provincia de Hunan), é unha das institucións académicas máis prestixiosas de China e está supervisada directamente polo Ministerio de Educación da República Popular Chinesa. Conta con máis de 62.000 estudantes, dos cales máis de 2.000 son internacionais.

A CSU figura entre as mellores universidades do mundo segundo os principais rankings internacionais: entre as posicións 94 e 96 no Ranking Shanghai(ARWU), no posto 183 no CWUR 2024, e entre as 314 mellores do mundo etop 20 en China segundo EduRank 2025, cunha especial fortaleza en Biomedicina, Enxeñaría e Nanotecnoloxía.

Novos acordos de colaboración

Este encontro conta cun dobre obxectivo. Por unha banda, reactivar o acordo asinado no ano 2019 entre a Xunta de Galicia e o Goberno da provinciachinesa de Hunan, onde se atopa a CSU, nos eidos da saúde e a biotecnoloxía. Por outro lado, preténdense crear novas vías de cooperación entre a CSU e as universidades públicas galegas con vistas á sinatura de posibles Memorandos de Entendemento (MoU) en áreas de interese común.

Durante a reunión, o reitor Ricardo Cao subliñou “a importancia de establecer alianzas internacionais no eido do coñecemento científico e tecnolóxico”, mentres que o profesor Li Zhihong expresou o interese da CSU en promover programas conxuntos de investigación, mobilidade estudantil e intercambio de persoal investigador.

Protocolo xeral de colaboración

Tras esta visita á institución coruñesa, está prevista a sinatura dun protocolo xeral de colaboración entre as dúas entidades educativas, para establecer un marco de cooperación xeral de cara a futuras actividades conxuntas en materia de investigación, innovación, transferencia de coñecemento, formación e divulgación científica, así como noutros temas de interese común.

A materialización das colaboracións realizarase a través de convenios específicos, os cales detallarán as obrigas, financiamento e aspectos operativos de cada proxecto ou actividade concreta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios