Felisa Segade presenta na Coruña o seu novo proxecto musical

Catro saxofonistas, liderados por Pedro Lamas, completan a formación que actuará no coruñés teatro Colón.

A música, vocalista e percusionista Felisa Segade, excompoñente de Leilía, e o gaiteiro, saxofonista e compositor galego Pedro Lamas, únense nun novo proxecto musical que terá a súa posta de largo na Coruña o próximo 20 de novembro no Teatro Colón. Felisa Segade estará acompañada dun cuarteto de saxofóns liderados por Pedro Lamas, nunha nova e singular andaina que permitirá aos oíntes descubrir o novo son dunha figura longamente vencellada á música tradicional galega. 

Soarán así, neste recital, cinco voces, as de Felisa e os catro saxos, máis unha percusión, nun traballo que necesita manexo, elegancia, precisión e tamén esa intuición habilidosa de saber que vai en cada momento. Pablo Añón, Miguel González e Toño Otero completan, xunto a Segade e Lamas, este súper grupo de raíces galegas, todos eles cunha longa traxectoria no mundo de jazz, o que lle confire singularidade ao proxecto, asentado nun universo sonoro que bebe das fontes da tradición oral para combinala con arranxos actuais e unha interpretación chea de matices e emoción. 

Porén, o repertorio elixido está fortemente vencellado á tradición da música oral galega: a música das recollidas, a mesma que protagonizaron a vida cotiá de Galicia ao longo de case todo o século XX. A música que máis propiamente podemos chamar tradicional. 

E é que, en palabras do seu compañeiro nesta aventura musical, Pedro Lamas:“Felisa Segade é faro e alento. É terra baixo o asfalto e facho no horizonte. Sabe tocar a pandeireta e cantar cada cantiga coa mesma emoción daquelas mulleres da aldea das que aprendeu, esas mulleres anónimas ás que ela devolve o seu nome e das que recolle a súa forza. Felisa está a mover os marcos das vellas leiras da tradición para celebrarmos a música e a vida”. 

O recital terá lugar o próximo 20 de novembro, ás 20.30h, no Teatro Colón da Coruña, e as entradas están á venda en https://entradas.ataquilla.com/.

Felisa Segade

Felisa Segade é co fundadora do grupo Leilía, un grupo fundamental na recuperación da tradición oral galega e que tras máis de trinta anos e seis discos anunciou a súa retirada dos escenarios no 2024. Desde 2013, Segade forma parte do trío musical Tres Pesos, no que comparte escenario con  Xoán Porto e Xosé Antón Ferreira. 

Pedro Lamas

Gaiteiro, saxofonista e compositor galego, Pedro Lamas posúe un dos currículos máis galardoados nos ámbitos da música tradicional e do jazz. Xa sexa como músico, arranxador ou compositor, ten colaborado con prestixiosos artistas e formacións como Kepa Junkera, Josemi Carmona, Carmen París, Berrogüetto, Carlos Núñez, Santiago Auserón, Martirio, Susana Seivane, Orquestra Sinfónica de Galicia, Pedro Guerra ou Luz Casal. Tamén se dedica á docencia e á investigación. 

Pablo Añón 

Pablo Añón é un saxofonista centrado no jazz e outros xéneros de música negra e improvisada. Ten actuado e gravado con numerosos grupos e artistas en salas, teatros e festivais de todo o territorio nacional, así como no estranxeiro, entre os que destacan KB Connection, Mama Boogie, Bob Sands Big Band, Julián Maeso, Orquestra de Jazz de Galicia, Patax, Miguel Lamas, Hot Chocolates, Savoy Big Band, Garufa Blue Devilsou Beater Jazz Collective entre outros.

Miguel González

No 2016 comeza a traballar no seu proxecto personal (Miguel González Cuarteto) que fructifica co seu Disco de Debut Diario de un Analfabeto. No 2021 retoma o proxecto Gháss con Fernán Mejuto, dedicado á composición e á creación musical. Xuntos producen a música do disco Sete da gaiteira Susana Seivane (2023) e a música da curtametraxe L’archeologue do proxecto de Zona Hadal Cru: memoria coruñesa sobre o Mar Exeo. Ten colaborado con diversas formacións como Gháss, Qando Vand, Skarallaos, Álvaro Muras, Juan Carlos Casal Cuarteto, La Rue Band (dixie), Alfonso Medela trío, Alberto Conde, Mahmilapinatapai, Two Faces o Mou, entre outros. 

Antonio Otero 

Licenciado polo Conservatorio Superior da Coruña na especialidade de Jazz e Master en Profesorado e Educación Secundaria pola USC, ocupa a praza de barítono solista na Banda Municipal de Lugo e é profesor na Escola Municipal de Música de Lugo.Compartiu escenario con numerosos artistas tanto españois como da escena internacional e ten colaborado no Xacobe Martínez Quintet, La Tribu, Gastón Rodríguez Quartet, Cats ans Monkeys, Pontevedra Big Band, The groovefathers, Ten Jazz Men, Imaxina Sons Orquestra, Orquestra de Jazz de Galicia, Marcos Pin Factor-E reset, The Syndicate,  El Kiki, The Alley Stompers, etc.

Comparte éste artículo
No hay comentarios