O PP lucense esíxelle ao Goberno de Sánchez “a rehabilitación integral da N-120” ao seu paso pola provincia “que xa tiña comprometido, pero que non cumpriu”

Barreiro subliña que “Sánchez nos esquece totalmente e este é un exemplo moi claro” e con esta iniciativa “podemos comprobar a vontade dos socialistas lucenses e nacionalistas con esta infraestrutura e coa provincia”.

O PP esixe, unha vez máis, ao Goberno de Sánchez “actuar con urxencia” nos tramos lucenses da estrada N-120, a principal vía de conexión entre o sur da provincia de Lugo (as comarcas de Quiroga e Terra de Lemos) con Ourense.

Os senadores pola provincia -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- anunciaron dende Pantón acompañados polo alcalde do municipio, José Luis Álvarez Blanco, rexedores, concelleiros e portavoces dos municipios polos que transcorre esta vía de titularidade estatal unha iniciativa coa que instarán dende o Senado á rehabilitación integral do seu pavimento, a mellora da sinalización viaria e do seu trazado. A través desta proposta instan tamén ao Goberno de Sánchez a “cumprir o compromiso de desenvolver o terceiro carril entre Guítara e Ourense, así como estudar o desdobramento da vía alí onde sexa tecnicamente viable”.

Os senadores do PP teñen preguntado formalmente pola situación do arranxo prometido para o tramo lucense desta vía en xaneiro do 2023, pero “o Goberno de España non aclarou nada”, segundo manifestou Barreiro. “E a raíz da falta de compromiso do Goberno de Sánchez, presentamos esta iniciativa para que leve a cabo algo ao que xa se comprometera”. E, ademais, “para que faga un novo carril para facilitar o tráfico”, engadiu.

O senador do Grupo Popular avanza que “a proposta sairá adiante” tendo en conta a maioría absoluta do PP no Senado, pero tamén cre que “servirá para ver a vontade dos socialistas lucenses e nacionalistas con esta infraestrutura e coa nosa provincia”. No que se refire a Pedro Sánchez, Barreiro sinala que “nos esquece totalmente e este é un exemplo moi claro” toda vez que “anunciara un proxecto, pero non fixo nada á vista do mal estado no que se atopa esta estrada”. Polo tanto, “mentiu aos veciños de Pantón, aos dos municipios do sur da provincia e a todos os usuarios desta vía”.

O alcalde do municipio, José Luis Álvarez Blanco, incidiu no mal estado da estrada “onde fai tempo que non se fai mantemento”. Ademais, lembrou o proxecto para o terceiro carril de subida, pero tamén considera “moi importante” que haxa unha zona en sentido baixada para poder adiantar; xa que “dende a área de descanso do mirador de Pesqueiras hai liña continua ata Ourense” de forma que “os traballadores de Pantón, Sober ou O Saviñao que empregan esta estrada para ir traballar a Ourense que antes podían chegar á entrada de Ourense en 20 minutos, agora podemos estar falando de tres cuartos de hora”.

RISCOS PARA A SEGURIDADE NA N-120

Os populares inciden na importancia de “garantir as condicións de seguridade en todo o percorrido da infraestrutura” que rexistra un importante volume de tráfico cunha intensidade media diaria (IMD) de entre os 3.148 vehículos/diarios no seu tramo inicial (a partir do p.k.472,8) ata os 5.199 na súa parte final (no p.k.548,8).

Nos últimos anos, as queixas polo mal estado do seu pavimento multiplícanse ao acumular un gran deterioro en moitos tramos que presentan buratos, gretas ou blandóns e que xeran riscos de seguridade viaria. “Unha realidade indiscutible é que, ata a data, ningunha intervención foi capaz de arranxar o firme dunha infraestrutura moi utilizada”.

A situación supón que “persoas que viaxan diariamente pola estrada advirtan de que cada día está máis perigosa a circulación”. De feito, o propio Goberno de España recoñece accidentes de tráfico; xa sexa por picadas de rodas ou saídas de vía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios