O PP de Burela lamenta que “as obras das gradas do campo da Marosa se prolonguen no tempo pola incapacidade de xestión da alcaldesa”

Os concelleiros do Grupo Popular lembran que “a súa reparación xa fora obxecto de varias licitacións” e, incluso, “a empresa adxudicataria da última licitación desistiu porque, despois de que o Concello tardara en conceder a licenza, xa era economicamente inviable”.

O PP de Burela lamenta que “a reparación das gradas do campo de fútbol da Marosa, de competencia única e exclusivamente municipal, se prolonguen no tempo”. Trátase dunha “promesa electoral que a señora López Moreno non é capaz de cumprir pola súa incapacidade de xestión. E agora trata de implicar a outras administracións”.

Os populares explican que “as gradas xa foran obxecto de varias licitacións e, incluso, na última delas a empresa adxudicataria chegara a presentar o aval previo á obra; pero debido ao tempo que o Concello tardou en conceder a licenza municipal -durante o que se incrementaron os custes dos materiais- rematou por desistir de facer a obra -incluso non recuperando o aval- porque xa non era economicamente viable na cantidade na que fora adxudicada”. E “agora aseguran que o custe de reparación supera os 600.000 euros, algo que xa se valorara no seu momento”, subliñan.

O portavoz, Manuel Rouco, esíxelle á rexedora socialista que se “deixe de escusas” e que “xa que recentemente dicía que o Concello, supostamente, vai moi ben economicamente -a pesar de que os datos que reflicten os medios de comunicación din o contrario- e dispón de remanente, que explique por que non ten rematada a reparación da grada”.

Os populares sinalan que “xa non é de estrañar o proceder da alcaldesa e do seu goberno” á vista da súa “incapacidade de xestión, como vimos denunciando dende o inicio do mandato”, conclúen.

Comparte éste artículo
No hay comentarios