O segundo cuarto marcou o devir do partido entre cullerdenses e betanceiros.
29-21. Ese foi o parcial dun segundo cuarto, que, á vista do sucedido na pista do Burgo o sábado, marcou a diferenza dun partido que estivo máis igualado do que poida parecer. Volvía comparecer un Ineltrón Santo Domingo escaso en centímetros, coa baixa por terceira semana consecutiva de Miguel Latas, e o Traumacor Culleredo soubo sacar tallada da circunstancia (19 rebotes colleu Khadim Fall, ao cabo MVP do encontro con 35 de valoración) para quedar coa vitoria. Antes, 3 cuartos de empate técnico (24-20, 25-27 e 21-20), un decisivo 2oQ que rematou cunha tripla sobre a bucina dos locais, logo dun parcial sobre unha protestada técnica a Luis Portilla (sumada a dous tapóns claramente ilegais dos superiores pívots locais) e grandes minutos do cadete Arón Espiñeira, que soubo aproveitar ás mil marabillas o tempo extra que lle deu a terceira falta dun Aarón Gómez que non logrou entrar en ningún momento no partido.
Dezaoito puntos para o mozo betanceiro (cun 4/5 en triplas que mesmo superou en porcentaxe o 6/13 do ex-ACB Corbacho), dobre-dobre de Luis (12 puntos, 11 rebotes) e 17 tantos para un Abelleira que tivo que abandonar o encontro, a falta de 5 minutos, por un golpe que requiriu varios puntos de sutura. O equipo de Betanzos (ao que se lle notou a falta, amais de Latas, de Dani Martín, ausente por motivos persoais) suma así unha derrota, a terceira consecutiva, que o arrastra ao noveno posto da clasificación, empatado a puntos co equipo que suma a primeira praza de descenso a Primeira Nacional.
Así valorou o partido José Amando Pena “Soviético”, o adestrador do Santo Domingo: “O dominio do xogo interior, así como do rebote do equipo local, sumado ao noso pouco acerto nos tiros libres e no tiro de tres, acabou facendo que non puideramos ter opcións a gañar o partido”.
Do lado positivo, amais do partido de Arón Espiñeira, o paso adiante do mozo Nico Lagares, que soubo encarar os pívots locais con solvencia (con canastra non computada por tapón nidiamente ilegal) e a achega dun Randolph (12 puntos) que está sabendo adaptarse perfectamente á categoría. Do negativo, unha defensa que volve encaixar cifras cercanas á centena.
Próxima semana, rival directo pola permanencia:Sigaltec de Vilagarcía (domingo 17h).