A Universidade da Coruña e a Universidade do Ceará asinan un protocolo de colaboración académica e tecnolóxica

Esta visita enmárcase no compromiso da UDC por fortalecer alianzas con universidades estratéxicas de América Latina.

 A Universidade da Coruña recibiu hoxe a visita dunha delegación da Universidade Estadual do Ceará (UECE , Brasil) co obxectivo de asinar un protocolo xeral de colaboración en materia de cooperación académica e científica entre as dúas institucións educativas. 

Este documento foi asinado polos reitores de ambas universidades, Ricardo Cao, por parte da UDC; e Hidelbrando dos Santos Soares, reitor da UECE; nun encontro no que tamén participaron o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle, o adxunto de Mobilidade e Convenios, Bruno Casal, o profesor Jakson Renner Rodrigues Soares e o xefe da oficina de Cooperación Internacional da UECE, Francisco Edmar Pereira Neto, quen completou a delegación brasileira.

O reitor da UDC manifestou  que este protocolo representa “unha oportunidade única para atopar estratexias de cooperación entre as dúas universidades”.Pola súa banda, Hildebrando dos Santos amosou o interese da súa institución “en coñecer de primeira man as iniciativas da UDC que fortalecen a interacción entre a academia e o sector produtivo”, con especial interese nos sectores turístico, TIC e de sostibilidade.

O Protocolo Xeral de Colaboración establece un marco de cooperación no eido formativo, científico e técnico, que permitirá impulsar proxectos comúns de investigación, innovación e transferencia de coñecemento. Cunha duración de 4 anos, prorrogables por un período de 4 anos, contempla tamén aspectos como a mobilidade, o intercambio académico e o fortalecemento da interacción co sector produtivo, especialmente en áreas aquelas vinculadas á investigación aplicada e ao emprendemento.

Esta visita vén enmarcada no compromiso da Universidade da Coruña por reforzar a súa proxección internacional, así como por fortalecer alianzas estables con universidades estratéxicas de América Latina, un territorio prioritario para a institución no ámbito académico e científico e, nomeadamente, da lusofonía. 

A UECE: cinco décadas de traxectoria e aposta pola innovación

A Universidade Estadual do Ceará, que este ano celebra o seu 50º aniversario, está consolidade como unha das institucións de referencia no Nordeste brasileiro, con presenza destacada en diversos rankings académicos nacionais e internacionais. Nos últimos anos, a UECE impulsou unha forte estratexia de innovación e transferencia mediante o seu Parque Tecnolóxico, a Incubadora de Empresas e a súa Axencia de Innovación, conectando universidade, sociedade e tecido produtivo. Actualmente existe un Centro de Estudos Galegos na UECE, que a UDC promoverá.

Comparte éste artículo
No hay comentarios