Coidando a quen coida: un novo proxecto da UDC analizará a vellez das mulleres migrantes traballadoras dos coidados en España

A investigación está dirixida pola profesora da UDC Belén Fernández Suárez e conta cun equipo interdisciplinar e internacional.

Nun contexto marcado pola insuficiente cobertura pública dos coidados, o avellentamento demográfico e a desigual distribución das tarefas de atención entre mulleres e homes, esta situación impulsou a incorporación masiva de mulleres migrantes ao emprego no de fogar e os coidados, convertendo a España no segundo país europeo con maior número de traballadoras neste sector. Moitas desas mulleres encáranse agora á etapa da xubilación tras carreiras laborais caracterizadas pola precariedade, a desprotección e a falta de recoñecemento.

O proxecto Coidando a quen coida. A vellez das mulleres migrantestraballadoras dos coidados (MUMICO) da Universidade da Coruña analizará as condicións socioeconómicas e as estratexias de benestar destas mulleres migrantes maiores que desenvolveron o seu labor nos coidados en España, aplicando unha perspectiva feminista e interseccional para comprender como se combinan as desigualdades de xénero e a condición migratoria durante o proceso de envellecemento.

Esta estudo é un dos tres financiados este ano polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade no marco da convocatoria competitiva de proxectos de investigación en igualdade 2025. Conta cun orzamento de 23.554,69 € e desenvolverase ata o 31 de decembro de 2026.

Un estudo interseccional e comparativo 

MUMICO combinará unha aproximación aplicada, que contará cun diagnóstico e un informe de propostas de acción; cunha dimensión participativa, na que as propias mulleres e as organizacións que as representan terán un papel primordial na reflexión e na procura de solucións compartidas.

O proxecto ten un carácter comparativo, centrado en dúas comunidades migrantes pioneiras en España, a caboverdiana e a dominicana, que contan cunha ampla traxectoria no sector dos coidados, pero presentan perfís migratorios e configuracións familiares moi diferentes. O estudo permitirá identificar similitudes e diferenzas nas súas redes de apoio, traxectorias laborais e estratexias de coidados durante a vellez.

Un equipo multidisciplinar

A investigación está dirixida por Belén Fernández Suárez, profesora titular de Socioloxía da Universidade da Coruña, membro do Equipo de Sociedades en Movemento (ESOMI) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) e conta cun equipo interdisciplinar e internacional formado por Antía Pérez Caramés (UDC-ESOMI-CISPAC), KeinaEspiñeira González (UDC-ESOMI-CISPAC), Sara Díaz Lamas (UDC) e Estefanía Tarrío Maneiro (UDC-GET); Luzía Oca (USC); Iria Vázquez Silva (UVigo); Celeste Fortes (Universidade de Cabo Verde); e Claudia Pedone(Universidade de Bos Aires).

Ademais, nel participan organizacións sociais de referencia no ámbito dos coidados e da migración, como Territorio Doméstico (Madrid) e a Asociación Cultural Amílcar Cabral de Bembibre (León) e forma parte do consorcio a colaboración das tres universidades públicas galegas, a Universidade de Cabo Verde e a Universidade de Bos Aires.

MUMICO aspira a contribuír á construción de políticas públicas que aseguren unha vellez digna ás mulleres migrantes que, durante décadas, sostiveron co seu traballo de coidados a vida de persoas dependentes e de familias con menores ao seu cargo en España.

Comparte éste artículo
No hay comentarios