O sindicato CC.OO. pide rigor á concelleira de Persoal de Lugo tras as súas declaracións sobre a Escola Gregorio Sanz

A Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo  quere saír ao paso da nota de prensa emitida o 13 de Novembro do 2025 polo diario El Progreso, onde o Concello de Lugo afirmaba que a vacante existente na Escola Infantil Gregorio Sanz non pode ser cuberta porque figura na OEP de 2021.

Para xustificar esta afirmación, o goberno local indicou que «sobre la plaza vacante, el gobierno local informó esta semana de que es una más de las que el Concello tiene pendiente de cubrir, para lo que está llevando a cabo procesos selectivos en la medida que puede», explicou a concelleira de Recursos Internos, Ana González.

Engadiu ademais que «ésta, en concreto, forma parte de la oferta pública de empleo de 2021 y en algún momento estuvo cubierta de forma interina, una opción que en este momento no es posible», segundo sostén o executivo.

Esta afirmación é incorrecta.

A praza á que se fai referencia non é a incluída na OEP de 2021, senón outra vacante que quedou libre no 2024 cando á súa titular lle foi asignado de maneira definitiva outro posto, ao que se trasladara por motivos de saúde.

É dicir: a vacante actual non está bloqueada pola OEP do 2021 e o Concello podería cubrila se tivese vontade de facelo.

Co fin de clarificar aínda máis a situación e desmontar as afirmacións erróneas difundidas pola área de Persoal, incorporamos o texto literal remitido polo Servizo de Educación, en setembro do 2025, responsable directo do funcionamento da escola: «O Servizo é consciente das dificultades que supón que non se cubra provisionalmente a praza de educadora, pois esta situación causa que haxa que crear aulas mixtas (sempre dentro da legalidade cumprindo ratios e tendo como prioridade as necesidades de conciliación das familias) ou que denegar permisos de asuntos particulares. Dende a nosa parte solicitouselle ao Servizo de Persoal por escrito varias veces que se cubra esta praza e tamén nunha reunión presencial co concelleiro  responsable e a xefa de sección. A resposta que recibimos foi que se estaba en proceso de sacar a oferta de emprego e mentres esta non se publique esta praza non se pode cubrir.»

Este documento evidencia con claridade que Educación leva meses pedindo a cobertura inmediata da praza, e que é a área de Persoal quen se nega a habilitar unha solución provisional alegando motivos que non se corresponden coa realidade administrativa desta vacante.

O escenario descrito, coa existencia dun servizo esencial tensionado pola falta de persoal e pola negativa a cubrir unha praza que si é legalmente cubrible, pon de manifesto un problema político máis profundo: a absoluta falta de coordinación, diálogo e entendemento entre as dúas áreas gobernadas polo PSOE (Persoal) e o BNG (Educación).

A concelleira de Persoal ofrece datos incorrectos en prensa, mentres o Servizo de Educación protesta reiteradamente en silencio institucional, acumulando escritos e peticións ignoradas. Cada área actúa pola súa conta, sen información compartida nin responsabilidade conxunta. O resultado é un Concello que:

  • lanza explicacións públicas contraditorias,
  • desinforma á cidadanía,
  • e provoca un dano directo ás familias e ao persoal da escola infantil.

Esta forma de gobernar, baseada en escusas, falta de diálogo e descoordinación evidente, é inxustificable nun municipio como Lugo. A confrontación interna entre as concellerías non pode seguir repercutindo nos servizos públicos, especialmente cando afectan á atención das crianzas e ás condicións laborais das traballadoras.

Desde CCOO consideramos moi grave que a responsable de Persoal difunda información errónea sobre unha cuestión tan sensible, e reclamamos que se adopten medidas inmediatas para cubrir esta vacante e poñer fin á improvisación e ao desleixo que están deteriorando o servizo.

CCOO seguirá defendendo os dereitos das profesionais municipais e esixindo que se manteñan servizos públicos dignos, transparentes e ben xestionados.

Comparte éste artículo
No hay comentarios