De Olano lamenta que “o Goberno de Sánchez trate ás familias que precisan estes servizos para traballar e conciliar como se foran pequenas empresas, cunha burocracia desproporcionada”.
O PP lucense condena que “o Goberno de Sánchez complique a vida ás familias” coa obrigatoriedade -por parte do Ministro de Traballo que dirixe a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz- de presentar un plan de prevención de riscos laborais para as empregadas do fogar.
O deputado lucense Jaime De Olano condena que “o Goberno de Sánchez estableza un mecanismo para realizar ese plan a través da Internet, coa dificultade que supón para moitas persoas maiores que non están familiarizadas con este entorno dixital” e, ademais, “que este mecanismo non funcione”, xa que deu fallos e colapsou nos últimos días que establecía de prazo o Real Decreto 893/2024, de 10 de setembro.
O Partido Popular ten presentado iniciativas no Congreso para “pedir a ampliación nun ano o prazo para cumprir coa lei de prevención de riscos laborais, que arquive todos os procedementos sancionadores que se puideran ter iniciado, que se simplifiquen os trámites para realizalo por Internet e que, por suposto, estableza un servizo de atención presencial nas oficinas do Ministerio e da Seguridade Social para atender as persoas que teñan dificultade para realizar os trámites a través da Internet”, segundo explica o popular.
De Olano lamenta que “o Goberno de Sánchez trate ás familias que precisan estes servizos para traballar e conciliar como se foran pequenas empresas, cunha burocracia desproporcionada”.
Nese sentido, os populares instan a modificar a normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais aplicada ás empregadas do fogar para que as obrigas sexan “proporcionadas e adecuadas á natureza non empresarial da relación laboral”.
Así mesmo, apostan por elaborar, en coordinación cos interlocutores sociais, unha guía práctica de seguridade e saúde no emprego doméstico e promover medidas que fomenten a contratación regular e a estabilidade no emprego do fogar.
O Grupo Popular esixe tamén que a Ministra compareza de forma urxente para explicar e dar conta dos fallos da plataforma dixital ‘Prevención 10’ habilitada para avaliar os hipotéticos riscos que poidan existir e aos que se poidan expoñer os empregados á hora de desenvolver o seu traballo.