A piragüista campioa do mundo participou no ciclo ‘Luz ao Deporte’ para inculcar os valores do esforzo e a excelencia
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a charla da piragüista lucense Tania Fernández dentro do ciclo Luz ao deporte, organizado pola Fundación Breogán co apoio do Goberno galego e a colaboración de Abanca.
O acto contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias, e o director da entidade organizadora, Luis Abel Taboada, xunto cun auditorio formado por estudantes de varios centros educativos da provincia.
O obxectivo da iniciativa é inculcar os valores do deporte entre a mocidade lucense, ofrecéndolles a oportunidade de escoitar en primeira persoa as experiencias e vivencias de deportistas de primeiro nivel.
Tania Fernández, que actualmente adestra no Kayak Tudense logo da súa primeira etapa no Club Fluvial de Lugo, compartiu a súa traxectoria co alumnado do CEIP Anexa, o CEIP de Nadela, o CIFP Politécnico, o CPR Divina Pastora-Salesianos e o colexio San Lorenzo.
A palista ten un palmarés destacado, sendo campioa na modalidade de K2 no Mundial de Maratón de Hungría o pasado mes de outubro xunto a Tania Álvarez, revalidando o título de 2022. Ademais, desde o ano 2018, sumou outras tres medallas de prata e un bronce neste campionato, así como unha prata e un bronce no Europeo.