O PP de Lugo impulsa unha moción no pleno en defensa dos autónomos e pide que a Deputación se opoña á política fiscal do Estado sobre os autónomos

Antonio Ameijide afirma que “non é o momento de castigar máis ao tecido produtivo, senón de acompañar, facilitar e protexer a quen mantén a actividade económica en momentos de incerteza tanto nas grandes como nas pequenas e medianas localidades do noso territorio” algo para o que a Deputación de Lugo “non pode permanecer allea a esta ameaza para tantos veciños e veciñas da provincia”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron unha xuntanza de traballo nas Nogais, reunión na que acordaron defender no vindeiro pleno unha iniciativa en prol da defensa dos autónomos.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que “son un sector chave”dentro da economía lucense, galega e nacional polo que “temos que poñer en marcha os mecanismos de apoio e defensa que sexan posibles dende todas as administracións”.

A moción que defenderán os populares no pleno do martes contempla que a Deputación de Lugo rexeite a política fiscal impulsada polo Goberno do Estado cara aos traballadores autónomos, que nos últimos 7 anos traduciuse nunha crecente carga impositiva, incerteza e falta de estabilidade normativa, algo para o que é preciso “instar ao Goberno de España a cumprir os compromisos adquiridos cos autónomos en 2023, impulsando as reformas pendentes en materia de protección social, pluriactividade, conciliación e simplificación burocrática, e establecendo un calendario claro de seguimento e avaliación de ditas medidas, en diálogo coas principais organizacións representativas do sector”.

A realidade é que o colectivo de autónomos precisa que o Goberno central tamén poña en marcha medidas como aplicar de forma inmediata o réxime de franquía doIVE previsto pola directiva europea, que permite eximir do pago e a presentación de declaracións de IVE aos autónomos e pequenas empresas cunha facturación anual inferior a 85.000€, o que suporía un importante alivio fiscal e administrativo para o colectivo.

Antonio Ameijide recorda a importancia deste colectivo a nivel nacional, xa que en España hai máis de 3.413.000 persoas que cotizan no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, moitos deles pequenos comerciantes, hostaleiros, profesionais e emprendedores que sosteñen boa parte do tecido económico e social dos nosos municipios.

Un colectivo fundamental que “o Goberno central quere seguir castigando” algoque, confirmou Antonio Ameijide, quedou patente tralo último anuncio do executivo central de aplicar unha nova subida das cotas que deben abonar os traballadores autónomos á Seguridade Social a partir de 2026 que, segundo a proposta trasladada polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, suporía un aumento nas cotas anuais de entre 200 e 2.500€.

Antonio Ameijide afirma que “non é o momento de castigar máis ao tecido produtivo, senón de acompañar, facilitar e protexer a quen mantén a actividade económica en momentos de incerteza tanto nas grandes como nas pequenas e medianas localidades do noso territorio” algo para o que a Deputación de Lugo “non pode permanecer allea a esta ameaza para tantos veciños e veciñas que son autónomos, e debe expresar de forma clara o seu rexeitamento ao inferno fiscal e burocrático que se inflixiu aos cidadáns desde o Goberno de España e o seu apoio a quen co seu traballo diario sosteñen a economía local”.

O voceiro provincial popular destaca que “grazas á presión dos autónomos e do Partido Popular logrou conxelarse este incremento” que sería un novo golpe ao emprendemento, ao comercio local, aos profesionais liberais e a miles de familias que cada mes sosteñen con esforzo a súa actividade económica.

Comparte éste artículo
No hay comentarios