SOS Sanidade Pública A Coruña apoia ás mobilizacións de Atención Primaria

SOS Sanidade Pública considera xustas e lóxicas as reivindicacións motivo da folga de atención primaria, unha táboa reivindicativa que afecta en xeral a todas as categorías de atención primaria, pero manifestamos a nosa preocupación e alarma polo cambio do sistema organizativo e asistencial que propón a Consellería de Sanidade, un cambio que será “para peor”, así como a inaceptable e irracional intención de homologar o título da especialidade de medicina familiar e comunitaria cun cursiño breve dunhas semanas.

A proposta de reconversión das prazas vacantes actuais e futuras de medicina de familia a facultativo especialista en atención primaria, con dúas gardas obrigatorias mensuais como mínimo, empeora as condicións de traballo dos profesionais e provoca ausencias (as libranzas de garda) de modo estrutural en todos os centros de saúde galegos. Ao que xa sucede habitualmente de falta da médica de cabeceira, sen substituir e con dificultades para a continuidade asistencial dos diferentes problemas de saúde, hai que sumar agora a libranza de garda. Incrementarase a lista de agarda en Primaria e os pacientes andaremos de médico en médico sen asegurar unha atención e continuidade para estudar as nosas demandas.

Por outra parte, o desprezo da Consellería de Sanidade á medicina de familia móstrase de novo coa ridícula e infame proposta de homologar o título da especialidade a médicos extracomunitarios cun simple cursiño de semanas de duración. Non é competencia da Consellería pero é triste e pérfido que se atrevan a presentar unha iniciativa deste tipo. É un atentado á calidade asistencial e unha invitación aos estudantes de medicina a que escapen da especialidade de medicina de familia. Xa hai neste momento bastantes médicos extracomunitarios traballando na atención primaria galega e, sen xeneralizar, observamos a perda de calidade asistencial que isto está provocando. SOS Sanidade Pública exixe a mellor formación para os médicos de calquera especialidade que traballen no Sergas, non queremos só batas diante, queremos persoal ben capacitado e incentivado.

Parece que o Conselleiro de Sanidade é oncólogo radioterápico, que opinaría da homologación da súa especialidade a médicos extracomunitarios cun cursiño duns meses de duración? 

Por estes motivos, pola intensa e negativa repercusión que o plan da Consellería de Sanidade terá sobre a asistencia sanitaria en Galicia agora e cara o futuro, exiximos a retirada desas propostas, o aumento de recursos e orzamento en atención primaria e a mellora das condicións de traballo dos profesionais. Deben atraer aos profesionais, non precarizalos!

Comparte éste artículo
No hay comentarios