Importante partido do Ineltrón Santo Domingo Betanzos contra Sigaletc

Os de Vilagarcía, acabados de ascender, empatan a vitorias cos betanceiros.

Logo de tres derrotas consecutivas toca sumar unha vitoria. E se o rival é un rival directo, como é o caso, con meirande razón. Este é o imperativo co que debe saír á pista un Ineltrón Santo Domingo Betanzos que viu como o extraordinario comezo de liga quedou en nada tras os tropezos contra Universidade de Oviedo, Marín e Traumacor Culleredo. En fronte, un equipo acabado de ascender, cunha plantilla que repite basicamente o roster de Primeira Nacional e na que só un xogador (Mateo Bello) conta con experiencia na categoría. Porén, e pese a ser un dos conxuntos con menos reforzos da liga, os de Vilagarcía, que xa foron sucampións da Copa Galicia en pretemporada, veñen de gañar contra Estudiantes Lugos e asinar un 3-4 en vitorias-derrotas que os sitúan en condicións de mirar para o medio da táboa.

O equipo, adestrado polo betanceiro de nacenza Luis Gabín, é un equipo formado por xente nova (o máis veterano é o interior Álvaro Rodríguez, 1999) no que destaca as achegas de Pablo Fernández Carballo (21,3 ppp) e Óscar Castaño (14,55 ppp) dentro dun xogo coral no que todos aportan.

Así valora o econtro José Amando Pena “Soviético”, adestrador dos betanceiros: “O partido contra Sigaltec é importantísimo tanto a efectos de clasificación como para retomar a senda das vitorias que lle servan ao equipo para encarar con ánimo enfrontamentos contra rivais directos. O equipo de Vilagarcía, ao igual ca o noso, é un equipo baixo sen pivotes que marquen a diferenza. É un conxunto moi aguerrido en defensa e con moita rapideza e creatividade en ataque, os exteriores rompen moi ben cara canastra e non se cortan á hora de tirar. O dominio do rebote e o control do ritmo de partido decantarán o resultado do encontro”.

A cita, o domingo ás 17h no pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo”, poderá seguirse tamén a través da plataforma tiivii.gal e da app FEB en vivo.

Nutrida axenda do resto do Club

No que toca ao resto de categorías do club, a fin de semana do 22-23 de novembro ofrece partidos para todos os gustos. O equipo sénior feminino xoga contra Fontiñas o sábado ao serán en Santiago, La Goleta fronte a Burela o Domingo á mañá no Vales, e o outro equipo de Terceira Autonómica contra Paiosaco ao remate do encontro de Tercera FEB. Na canteira destaca o partido dos júnior contra Cambre B, no que se pode acadar a segunda praza do grupo e a completa axenda dos equipos de canastra pequena: o Santo 2015 mídese a Maristas, o Piccola Alameda a Santa María do Mar, o premini masculino a Cambre e o premini feminino a Compañía de María. Os cadetes, pola súa parte xogan contra Golfiños As Mariñas Sada (o Grelo), Esclavas (o J. Caamaño Arquitecto) e Calasanz (o Decornaveira, o equipo feminino). Os infantís masculino de Cyrdega xogan contra Basquet Coruña e o feminino de Warnier contra Compañía de María.

Comparte éste artículo
No hay comentarios