Racing Villalbés e Boiro empataron sen goles na matinal da Madalena. O partido comezou con media hora de atraso ao non estaren as liñas do campo ben impresas. O Racing Villalbés protestou contra o concello polo desatendemento do campo nese sentido e a pelota ficou parada nos pés de David García durante medio minuto logo do asubío inicial. O partido non foi bo. O Boiro xogou mellor e puido gañar se Víctor Casais atinara nun penalti que atallou Álex Santomé no primeiro tempo.
Os locais remataron con dez pola expulsión de Rey, que entrara logo do descanso. O Racing Villalbés suma o seu cuarto empate consecutivo; un signo que repite o conxunto do Barbanza por segunda saída seguida.
Protesta contra o Concello. O partido comezou con 30 minutos de atraso, ás 12,30, ao ter que repintarse as liñas do campo, borradas por causa da choiva.
O Villalbés protesta contra o Concello e o Boiro perdoa un penalti
O partido comezou con atraso e con protesto, ambos vinculados. O Concello non se responsabilizou de reforzar o pintado das liñas o campo e o colexiado entendeu que o partido, coas liñas apenas perceptibles, non podía xogarse até que non se botara de novo a cal. Iso demorou o comezo media hora e, logo do saque inicial de Pablo Trigo, o balón foi a David García, que o tivo parado medio minuto, sen ser presionado polo rival, como acto de protesta contra os responsables municipais.
O Boiro levou a iniciativa nos primeiros instantes e foi o primeiro equipo que ensartou disparos. O máis perigoso, aos 21 minutos, pasou a rentes da trabe logo que o disparara Prol desde a frontal.
O Boiro tiña velocidade na circulación, verticalidade, pero erraba na toma de decisións cando había que entrar na área rival. No minuto 28 acertou por primeira vez cun balón ao interior para Juanma. López non mediu a entrada e derrubou ao mediocentro ofensivo. O penalti lanzouno inxenuamente Víctor Casais e Álex Santomé, en dous tempos, chapou o lanzamento. Era a primeira pena máxima a prol do Boiro, e a primeira en contra do Racing, na temporada.
Os dous xogadores volveron a ser protagonistas tres minutos máis tarde. O atacante recibiu na área, na perpendicular ao pau esquerdo da meta defendida polo cerbero, e xutou cruzado, aínda que non o suficiente para salvar a estirada de Santomé sobre a herba mollada.
O partido ía de axustes, e axustado foi o pase de Prol a Insua que o asistente invalidou por un milimétrico fóra de xogo. A zaga local xogaba con fogo por terceira vez.
O Boiro acariñou de novo o gol no prolongamento da primeira metade. Diego colleu na frontal o rexeitamento dunha falta sacada por Yosi, o disparo do ex do Lalín rozouno Aran e o coiro lambeu a base do pau.
Rey deixa aos chairegos cun menos
Juan Rodríguez e José Tizón reinterpretaron o segundo tempo con dúas substitucións por bando logo de volver dos vestiarios. A mobilidade de Rey deu outro novel ofensivo aos locais, que tomaron o control da pelota. López estaba na esquerda e José Varela tomaba todo o carril dereito. O Boiro, con mudanzas puramente nominais, mudaba aspectos no seu carril sinistro.
Aos dez minutos, un desafortunado Víctor Casais deixou o seu lugar a Landeira, que demorou dous minutos en facer o seu primeiro disparo. Desde a frontal, mandou a pelota cruzada e frouxa. Ninguén desviou e Álex Santomé lanzouse ao chan para collela sen dificultade. O Boiro corrixiu os desaxustes e equilibrou de novo o control do xogo.
Aos 66 minutos, Prol disparou desviado desde 35 metros. O seu equipo gañaba máis disputas e volveu a inclinar o partido cara á portería chairega.
Rey xa falaba máis do que xogaba. Cun amarelo desde o 48, perdeu concentración nun balón dividido, chegou tarde á disputa e viu o segundo no 74.
Puido gañar o Boiro nunha acción entre Yago, que levaba uns minutos no campo, e Prol. O primeiro mirou o desmarque do compañeiro, que co corpo mal orientado, quixo cruzar diante da saída de Álex Santomé. A pelota pasou pola liña de fondo no minuto 83.
Pouco despois, Yago estivo a piques de anotar rematando no primeiro pau, con sutileza, un córner lanzado por Yosi.
No prolongamento, Pablo Trigo, á contra tentou sorprender a Borja cunha vaselina cruzada. O coiro pasou a certa distancia da escuadra do marco visitante. Os últimos instantes foron de acoso boirista, con varios saques de esquina que Álex Santomé foi resolvendo con despexes e paradas.
Ficha
DOMINGO 23/11/2025 (12,00) Campo: A MADALENA (300)
RACING C. VILLALBÉS : 0 – C.D. BOIRO : 0 (0‑0)
VIL : Álex Santomé; López, Vérez, Cadra, Buyo (Rey D); José Varela, David García, Make, Gael (Javi Varela D); Herrero (Borja Míguez 83’), Pablo Trigo. Tre. Juan Rodríguez. (Banco: Yago Miguélez (g); Da Lama; Edu Reigosa; Hamza; Gegunde).
BOI : Borja; Zambrana (Samu D), Aran, Ozores (Iago 81’), Yosi; Prol, Juanma (Yago 78’), Mario Romero, Diego, Insua (Moreyra D); Víctor Casais (Landeira 55’). Tre. José Tizón. (Banco: Lois (g); Iván Alonso).
Goles:
Árbitro: González Rey (Galiza-Ourense). Auxiliares: Domínguez del Pino e Rodríguez García.
Disciplina: CA: Zambrana 36’; Moreyra 61’; Aran 79’; Make 90’; Cadra 90’ // DA: Rey 48’ e 74’.
NOTAS: 28’ Álex Santomé para un penalti lanzado por Víctor Casais.
Observacións: O partido comezou con 30 minutos de atraso, ás 12,30, ao ter que repintarse as liñas do campo, borradas por causa da choiva.
Foto: Mario Regueiro ante a vixiancia de David García. (c) 21noticias.com