Nunha resposta aos populares, o Executivo central non aclara ningunha cifra de vivenda entregada na provincia no que vai de mandato a pesar da promesa de Sánchez de entregar 180.000 vivendas en toda España e das declaracións da ministra dicindo que xa entregaran 100.000.
O Goberno de Pedro Sánchez recoñeceu, ante as preguntas dos senadores do PP lucense —José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano—, que “non ten subvencionado de forma directa ningunha vivenda pública na provincia de Lugo das que prometera”.
“O Goberno non aclara ningunha cifra de vivenda entregada na provincia no que vai de mandato” e, no mesmo sentido, “a realidade que percibimos sobre o terreo é que non se dispón de vivenda de titularidade estatal a un prezo accesible”.
Os populares consideran, á vista da resposta oficial ás preguntas formuladas no Senado, que “o anuncio de Sánchez durante a campaña electoral tiña fins claramente electoralistas”: “O presidente do Goberno mentiu cando prometeu que ía entregar 180.000 vivendas públicas en toda España e a ministra mentiu cando dixo que xa se entregaran 100.000 vivendas”.
Para os senadores do Partido Popular, a “falta de implicación” do Goberno de Sánchez en materia de vivenda pública en Galicia supón “un novo desprezo aos galegos e ás galegas”.
O Goberno galego, pola súa banda, avanza no seu obxectivo de duplicar o parque público de vivenda de cara ao 2028 pasando das 4.000 ás 8.000 vivendas. A Xunta ten na actualidade preto de 3.000 vivendas en construción e en 2026 terá as 4.000 en marcha. Así, os senadores lucenses destacan que “o Goberno da Xunta si cumpre os seus compromisos”.
A Xunta de Galicia reserva 350 millóns de euros para o 2026 en materia de vivenda e incrementa nun 63% os recursos para a construción de novos fogares. Tamén prevé a adquisición de baixos para transformalos en vivendas de calidade e contempla que os concellos cedan solo para vivenda protexida.
“A Xunta avanza no seu obxectivo de dotar a Galicia de vivenda pública con investimentos, mobilización de solo residencial e outras medidas para a mobilización de vivendas baleiras ou a rehabilitación de vivendas no rural e en cascos históricos”, destacan.