Os populares votaron en contra da iniciativa do BNG que demandaba ao Goberno impulsar infraestruturas estratéxicas para Fene: “van en contra do interese da veciñanza” di o deputado nacionalista.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o voto en contra do Partido Popular nunha iniciativa nacionalista en que reclamaba ao Goberno do Estado impulsar a construción da rolda oeste no termo municipal de Fene. Unha infraestrutura, sinala Rego, estratéxica para a mobilidade diaria da veciñanza e para Navantia, así como unha garantía para a mellora da seguranza viaria. A iniciativa do BNG tamén buscaba a humanización e integración da N-651 ao seu paso polo termo municipal de Fene.
Néstor Rego lamenta que, máis unha vez, o Partido Popular dea as costas aos problemas dos galegos e galegas e vote en contra dunha iniciativa que procuraba a mellora da seguranza viaria no termo municipal de Fene e garantía unha mellor mobilidade na zona. A reclamación de que o Goberno do Estado levase a cabo a construción da rolda oeste, contemplada tanto no PXOM como nos plan autonómicos, non puido saír adiante polo voto en contra dos populares.
“Terá que explicar o Partido Popular, sobre todo as deputadas e deputados galegos, por que se nega a reclamar ao Goberno do Estado -do Partido Socialista- unha infraestrutura que melloraría a mobilidade e garantiría a seguranza viaria” denuncia Néstor Rego após a votación consumada na Comisión de Seguranza Viaria do Congreso.
Para o deputado nacionalista, a negativa do Partido Popular de votar a favor “é unha mostra máis de que van en contra dos intereses da veciñanza”. A iniciativa, ademais de demandar ao Goberno o impulso da infraestrutura, pedía a coordinación co resto de administracións implicadas, para garantir a súa integración territorial e a compatibilidade ambiental e urbanística.
Alén do máis, en paralelo, o deputado do BNG no Congreso defendeu actuacións para a humanización e a integración na trama urbana da travesía da N-651. “O BNG exerce presión política e traballa incansabelmente para defender os intereses dos galegos e galegas mais, pola contra, vemos un Partido Popular que impide e se nega a defender a Galiza” lamenta Rego.