O Colectivo das Pedras Galladas, que promove iniciativas arredor da cultura, o patrimonio e a ecoloxía, continúa creando espazos de interese social e cultural en Culleredo. Neste marco, organiza a presentación do libro «O País Invisible. A epopea atlántica da diáspora galega», do recoñecido xornalista e escritor Arturo Lezcano.
O acto celebrarase o vindeiro xoves, 27 de novembro, ás 19:00 horas, na Sala de Vídeo dos Servizos Múltiples do Burgo (Culleredo) cedida polo concello. O autor, Arturo Lezcano, estará acompañado por Cristina Díaz Pardo para afondar nesta obra sobre a diáspora galega.
O libro é o resultado dunha fonda investigación e máis de 150 entrevistas, e tece as historias das galegas e galegos que emigraron a América, rescatando vidas e relatos que deron forma á identidade galega contemporánea. Dende As Pedras Galladas destácase que «nas primeiras páxinas xa se sente o pulso dun traballo inmenso: entrevistas, voces e relatos que se entrelazan con mimo, e unha escrita que coida, rescata e ilumina vidas invisibilizadas. É difícil non emocionarse ao lelo, xa que este libro toca esa memoria que todas levamos dentro».
A asociación amosou a súa ilusión por contar coa presenza de Arturo Lezcano en Culleredo, polo esforzo que implica dentro da xira de presentacións do escritor, así como un agradecemento especial a Cristina Díaz por ser compañeira de conversas do autor nunha tarde que promete emocionarnos. Ademais o evento conta coa colaboración dunha libraría da contorna, Ler O Temple, que disporá dun punto de venda no lugar da presentación para que o público poida adquirir o exemplar. As Pedras Galladas anima a asistir a este encontro «para afondar nas historias que nos unen, esas que atravesan xeracións e permanecen».