Comunicado da Alcaldesa de Ponteareas denunciando a actitude da oposición no Pleno

Quero trasladar á cidadanía o sucedido na sesión plenaria de onte, porque afecta ao respecto debido ás institucións, ao funcionamento democrático do Concello de Ponteareas e tamén ao trato que debe recibir unha muller que exerce a Alcaldía.

Durante estes sesenta días de folga do Servizo de Axuda no Fogar, o Concello respectou plenamente o dereito á protesta e conviviu con concentracións diarias sen poñer límites, entendendo que a reivindicación laboral é lexítima e debe ser escoitada.

Porén, o ocorrido onte no salón de plenos supera todos os límites aceptables. O máis grave é que nesta ocasión os grupos políticos da oposición coaccionaron a alcaldesa dicindo que se non se alteraba a orde do día, non deixarían celebrar o Pleno. Ás manifestantes do SAF sumouse a presión destes grupos políticos da oposición, actuando de maneira conxunta para esixir a modificación da orde do día e tentando impoñer decisións pola vía da intimidación.

Como marca a lei, dixen que a orde do día non se ía alterar e trataríamos primeiro a aprobación definitiva do orzamento municipal, tanto os grupos da oposición coma as manifestantes levantáronse, avanzaron cara a mesa de Presidencia e berraron de forma coordinada, xerando unha situación de bloqueo e coacción que fixo imposible continuar coa sesión pública.

E quero sinalar algo que xa non se pode ignorar:

A actitude dos grupos da oposición cara a esta Alcaldesa estivo cargada dun evidente sesgo machista. Uns tons, uns xestos e unhas formas que non empregarían diante dun alcalde home. Un intento de situarse por riba da Presidencia non por razóns políticas, senón desde unha falta de respecto persoal e institucional cara a unha muller que exerce a súa autoridade con firmeza e serenidade.

Tras realizar tres chamadas á orde e ante a imposibilidade de garantir o desenvolvemento do pleno, vímonos obrigados a continuar o Pleno a porta pechada, tal e como permite o regulamento, para protexer a legalidade e o funcionamento democrático da institución.

Quero ser clara:

Impedir un pleno, exercer presión física sobre a Presidencia e manifestar actitudes machistas contra unha alcaldesa non é protesta: é unha vulneración da democracia local e do respecto institucional. E non se volverá permitir.

O pleno municipal é o órgano de representación de toda a cidadanía de Ponteareas. Ninguén ten dereito a obstaculizalo nin a impor decisións mediante presión, intimidación ou comportamentos impropios dunha institución democrática.

O Concello adoptará as medidas necesarias para garantir que cada sesión plenaria se desenvolva con normalidade, seguridade e o respecto que merecen a democracia e a igualdade.

Ponteareas necesita convivencia, responsabilidade e respecto institucional. Ese será sempre o meu compromiso como alcaldesa, como servidora pública e como muller.

Comparte éste artículo
No hay comentarios