O PP rexeita as emendas do BNG a Sarria e a formación nacionalista denuncia o «abandono» da Xunta nos Orzamentos

 O Bloque Nacionalista Galego denunciou hoxe o rexeitamento en bloque por parte do Partido Popular de todas as emendas que o BNG presentou aos Orzamentos da Xunta para 2026, propostas centradas en mellorar servizos públicos básicos, modernizar infraestruturas e garantir condicións de vida dignas para a veciñanza de Sarria.

Así o trasladou a deputada no Parlamento galego Montse Valcárcel nunha reunión mantida cos concelleiros do BNG en Sarria, Efrén Castro e Mónica López, na que analizaron a situación de parálise e abandono que sofre o municipio por parte do Goberno de Alfonso Rueda.

Valcárcel cualificou de “grave irresponsabilidade política” a decisión do PP de tombar todas as propostas nacionalistas, lembrando que moitas delas intentan desbloquear problemas que se arrastran desde hai anos. Un dos exemplos máis evidentes é o desdobre do corredor Sarria–Nadela, unha infraestrutura “clave para o desenvolvemento económico e social da comarca” e que, logo de anos de anuncios e promesas incumpridas, segue sen estar rematada nin contar cun calendario certo.

“Non podemos permitirnos que unha obra estratéxica siga eternizándose. En once anos apenas foron quen de avanzar 13 quilómetros, e outros tantos seguen parados. Isto non é planificación: é abandono”, advertiu a deputada.

Outro dos puntos críticos sinalados foi a estación de autobuses de Sarria, que continúa igual “que o día en que se abriu”, sen modernización, sen adaptación ás necesidades actuais e con frecuencias claramente insuficientes. Valcárcel lembrou que a mocidade que estuda en Lugo “non ten conexións axeitadas” e depende das familias para desprazarse:

“A Xunta presume de apostar polo rural, pero nin sequera garante transporte digno para a xente nova. Sen servizos non hai futuro.”

A deputada puxo tamén o foco na situación da residencia de maiores, actualmente sostida polo Concello de Sarria a pesar de ser unha competencia exclusiva da Xunta. O Goberno galego non investiu nin un euro na infraestrutura e nin sequera concertou prazas, mentres si deriva fondos a residencias privadas.

“É inaceptábel que o Concello teña que asumir en solitario un servizo que corresponde á Administración autonómica. O PP abandona ás persoas maiores e sobrecarga ao municipio”, denunciou.


Valcárcel concluíu que o Goberno do PP “non ten proxecto nin vontade real de atender as necesidades da comarca”, e que fronte a iso o BNG seguirá traballando “con rigor, propostas e compromiso para que Sarria deixe de ser unha zona esquecida e pase a ocupar o lugar que lle corresponde”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios