Coincidindo co 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, o Partido Popular celebrou esta tarde unha mesa coloquio para lembrar como se xestou a tramitación desta declaración e na que tivo un papel protagonista un goberno cun alcalde do Partido Popular.
A voceira do Grupo Popular e presidenta provincial, Elena Candia, abriu o acto lembrando que “a Muralla non é só o que fomos, senón o que podemos chegar a ser”. Un patrimonio que une, que nos representa e que segue abrindo portas ao turismo, á economía e á creación de oportunidades para Lugo.
Un dos participantes neste acto foi Joaquín García Díez, alcalde de Lugo entre 1995 e 1999. Durante o seu mandato iniciáronse os trámites para lograr este recoñecemento mundial. Explicou que aquela iniciativa non foi un feito illado, senón parte dun proxecto de cidade: apostar polo noso patrimonio histórico.
Na súa intervención lembrou como os grandes logros colectivos case nunca son froito do azar. Requiren perseveranza, discreción e unha visión compartida do que unha comunidade quere ser”.
Tamén advertiu da importancia de coidar este legado máis alá dos aniversarios “un patrimonio universal esixe un coidado continuo e un orgullo que non dependa do calendario” e salientou que o recoñecemento serviu para colocar Lugo no mapa, atraer visitantes, reforzar a nosa proxección exterior e fortalecer a autoestima da cidade.
Na mesa tamén participou Ignacio López de Rego, arquitecto e director técnico do equipo redactor do expediente que conseguiu a declaración UNESCO. Explicou o Plan Director da Muralla, a folla de ruta da Xunta —como propietaria do monumento— para garantir a súa conservación, a súa xestión e o seu aproveitamento como recurso social, cultural e económico.
López de Rego destacou que o Plan Director é unha ferramenta estratéxica, aberta e revisable, que aborda o deseño de novos usos e visitas que reforcen o seu papel como espazo educativo, turístico, cultural e xerador de actividade económica.