Manolo García comezou con mal pé á fronte da selección galega afeccionada, que está ao borde da eliminación da nova edición da fase española da Copa das Rexións UEFA. A Irmandiña, que estivo mal ao comezo de cada tempo, caeu contra Andalucía (2-1), unha selección que nunca puidera derrotar á galega, no encontro xogado no Mariano Harro de Becerril do Campo. Ángel, de libre directo, e Arias, ao comezo do segundo tempo, abriron fenda para os andaluces. Lucas, a once minutos do remate, fixo o gol galego. Logo dos resultados nos outros grupos, e con Andalucía asegurando a primeira posición do D, Galiza deberá gañar pola máxima diferenza posible á anfitrioa, Castela e León, no choque de mañá en Palencia, e esperar que outros resultados acomoden a súa clasificación para a fase intermedia.
Unha barreira mal colocada
Non comezou ben o partido para a selección galega, que foi a reboque de Andalucía desde os primeiros instantes. Os do sur peninsular adiantáronse axiña, logo dun libre directo executado por Ángel, desde a frontal, a pé trocado, co que superou a unha barreira de catro e a un Andrés a quen lle custou colocala e tardou moitísimo en reaccionar ao vo do esférico impulsado polo lateral andaluz. Era o minuto sete.
A irmandiña tardou en tomar o mando do partido, malia que tres minutos despois, pola dereita, Rachu disparara unha pelota que rexeitou Alberto.
Andalucía matou o partido até o cuarto de xogo. O resultado dáballe o primeiro lugar e a clasificación matemática para a fase intermedia ao facer un seis de seis tras a súa vitoria do venres contra os anfitrións do grupo, Castela e León (2-1).
Yosi, cunha volea que pretendía máis rematar a acción ofensiva para evitar unha contra, que ser propiamente un disparo, botou o coiro moi por riba da meta de Alberto aos 21 minutos.
Tamén Rachu volveu ter unha oportunidade nunha contra á que Cambón deu continuidade. O do Somozas bbriu á dereita, para o exterior do Noia, que decidiu unha acción individual cun disparo perdendo verticalidade. Alberto meteu as luvas para rexeitar aos 26 minutos.
Brais Vidal comezaba a dar sentido ao xogo galego, aínda que o que apareceu foi Andrés, superada a media hora, para atrapar un xute raso de Dani Guerrero, co que culminaba unha subida con centro atrás do lateral Iván López.
No minuto 38 foi Fidel, cun centro sobre a herba, quen volveu crear perigo, pero Arias, presionado por Carabán, non chegou. Galiza tiña unha fenda pola esquerda da zaga.
Os últimos minutos foron de dominio da irmandiña, que puido empatar nun centro de Rachu, non alcanzado por Lucas na frontal da área pequena aos 40 minutos, e no prolongamento, nunha falta lateral que o mesmo xogador do Alondras mandou á trabe.
Reacción imprecisa, que chega tarde
Andalucía incrementou a diferenza na primeira chegada do segundo tempo. Outra vez Óscar López mostrou que non tiña o día ao perder no duelo de parellas verticais con Iván López, quen desde o fondo centrou para Róbert. O disparo do andaluz foi completado por Arias sobre a liña de gol (0-2).
Cambón buscou unha reacción inmediata cun xute afastado aos 53 minutos. O balón voou moi lonxe da portería. O punta do Somozas non chegou na frontal a un centro de Rachu no 57.
No 63, con Galiza dominando o xogo, Alberto sacou un disparo dun desafortunado Moreyra, que logo sería substituído. O saque de esquina longo foi cabeceado por Carabán a un metro do pau.
Unha tripla substitución decidida por Manolo García para tentar a reacción no último cuarto mellorou o xogo galego. A banda dereita gañou personalidade con Achore e Noel. Óscar López fóra un dos sinalados pasando Yosi a ocupar o perfil esquedo. Precisamente, unha combinación entre o do Montañeros e o do Cambados estivo a piques de valer para minorar a diferenza. O disparo a ras de herba do xogador corazonista foise abrindo pouco a pouco até pasar a rentes do pau.
O gol galego chegou no minuto 79. Noel recibiu un centro longo no segundo pau, cedeu cara atrás un pase diagonal coa cabeza para Lucas e o alondrista enchufou un disparo imparable á escuadra. A continuación foi reemprazado por un discutible Adrián.
O partido incrementou a incerteza. Galiza seguiu metendo atrás a Andalucía, pero con poucas oportunidades claras e demasiadas imprecisións. A mellor foi para Achore, no 88, pero a súa volea, perto do bico da área pequena, pasou por riba da trabe.
Logo dos oito minutos de prolongamento Andalucía asegurou o pase como primeira de grupo á fase intermedia. A Irmandiña deberá esperar a gañar pola máxima diferenza posible a Castela e León no Nuevo La Balastera e esperar resultados doutros grupos para aspirar a ser unha das tres mellores segundas.
A clasificación é unha lotería
Tendo en conta os resultados dos outros catro grupos, é probable que Aragón e Canarias “pacten” un empate no grupo E, que clasificaría a ambos. Os insulares serían primeiros e os aragoneses, con catro puntos, estarían clasificados porque só tres segundos poderían chegar a esa puntuación.
Do resto, calquera cousa pode pasar. No A, Navarra lidera con tres puntos seguida por Asturias e Cantabria con un e Castela-A Mancha con cero. Mañá xogan Asturias-Murcia e Navarra-Cantabria. No B, A Rioxa e País Vasco lideran con tres unidades, contra as cero de Castela-A Mancha e Baleares. O calendario completarase co Castela-A Mancha-País Vasco e A Rioxa-Baleares.
No C, o grupo da morte e o dos empates, Valencia ten dous puntos, seguido de Cataluña e Madrid. Destes dous, quen gañe será primeiro, se empatan sen goles seguirán mandando os valencianos e se empatan con eles serán os madrileños. O segundo deste grupo é fixo que ficará eliminado.
Galiza precisa gañar, ante a única selección territorial española coa que nunca xogou no cuarto de século de existencia da Irmandiña. Ten que facelo, ademais, pola maior diferenza posible, alcanzar os tres puntos e, nun lado cento por cento optimista, esperar que Asturias e Cantabria non gañen, A Rioxa e/ou o País Vasco perdan, presumindo esa igualada entre aragoneses e canarios. O problema tamén está en que Castela e León está exactamente coas mesmas necesidades.
Ficha
SÁBADO 29/11/2025 (12,00) Campo: MARIANO HARO (Becerril do Campo) (100)
GALIZA : 1 – ANDALUCÍA : 2 (0‑1)
GAL : Andrés; Yosi, Carabán, Mati, Óscar López (Achore 66’); Rachu (Adrián 81’), Make (Diego 66), Lucas (Adrián 81’), Brais Vidal, Moreyra (Noel 66’); Cambón. Sel. Manolo García. (Banco: Atib (g); Dopico).
AND : Alberto; Iván López, Andrés Pavón, Lauren, Ángel; Fidel, Pablo (Fran González 79’), Róbert (Manu Alonso 64’), Makuemimo (Pollo 79’); Arias (Carlos León 64’), Dani Guerrero (Jarauta 71’). Sel. Antonio Macías. (Banco: José Serrano (g); Manu Fernández).
Goles: 0-1 Ángel 7’; 0-2 Vidal 47, 1-2 Lucas 79’.
Árbitro: Laín Pérez (Castela e León). Auxiliares: Irigoyen Solano e .Cava Blasco. 4º árb.: Sanz Monge.
Disciplina: CA: Andrés Pavón 55’; Make 57’; Óscar López 61’; Rachu 66’; Carlos León 68’; Lucas 69’; Fran González 82’.
NOTAS: Por penaltis para resolver posibles empates: Galiza: 3 – Andalucía: 4.
Foto: Cambón loitando unha pelota entre Andrés Pavón e Ángel. © RFGF