Inapelable derrota do Ineltrón Santo Domingo Betanzos en Lugo

O 95-75 final contra un rival directo complica o horizonte dos betanceiros.

Hai partidos que se gañan contra a bucina e outros que se perden xa nos primeiros compases. Así lle sucedeu a tarde do domingo ao Ineltrón Santo Domingo Betanzos no Pazo dos Deportes de Lugo. O Estudiantes, que chegaba o partido cunha vitoria menos ca os betanceiros, deixou ben claro dende o comezo que non ía dar unha bola por perdida e logo dun 6-8 que supuxo a única vantaxe foránea, acabou levando o primeiro cuarto por un 31-15 que xa deixaba case todo visto para sentenza. Gañaban os de Betanzos o segundo lance por 20-23 pero, a partir de aí os lucenses non deron tregua e chegaron a sumar vantaxes de +30 durante algún momento do partido. Bos números de Abelleira (16 puntos, 9 rebotes e 20 de valoración), Randolph (12 puntos) e Nico Lagares (12 puntos), que parece ter dado un paso adiante nos últimos partidos, novo dobre- dobre de Luis (11 puntos e 10 rebotes), pero as boas achegas individuais non salvan o golpe colectivo recibido. José Amando Pena “Soviético”, o adestrador betanceiro tíñao claro: “Partido sen ningunha opción dende o primeiro segundo. A falta de intensidade tanto en ataque como en defensa fixo que o equipo de Lugo xogase a pracer. Non fomos quen de estar en ningún momento dentro do partido, dominio absoluto do rebote por parte de Estudiantes tanto defensivo coma ofensivo”.

Con esta derrota o Ineltrón Santo Domingo Betanzos descende á novena praza, a unha derrota dos postos de descenso a Primeira Nacional (sempre que non haxa arrastres, cousa ben complicada este ano que non suceda) e terá que facer valer o seu 4-5 fronte ao 3-5 dos asturianos de Navia, que visitan o domingo que vén a cancha betanceira nun partido de alta voltaxe que pode facer saltar todas as alarmas.

A cita, no horario tradicional: 17h.

Comparte éste artículo
No hay comentarios