A Orquestra Sinfónica do CMUS participará no concerto especial de Nadal co alumnado de Danza Alfaia

Será este venres 5 de decembro en dous pases, ás 19h e 20h, na Casa das Máquinas. Entradas gratuítas e limitadas, previa reserva na web de Danza Alfaia.

A Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela participará no II concerto especial de Nadal co alumnado da escola Danza Alfaia este venres 5 de decembro en dous pases, ás 19h e ás 20h na Casa das Máquinas (Rúa Galeras). A asistencia é gratuíta previa retirada de entrada na web de Danza Alfaia.

O repertorio, a cargo de Carmen Ferreiro , percorrerá pezas de Bizet e a Ópera de Fausto. Na parte escénica participarán 53 bailaríns da escola Danza Alfaia e 56músicos do Conservatorio, de distintos niveis e idades. 

Tras o éxito da primeira edición do concerto especial de Nadal en 2024, este ano Danza Alfaia quere seguir reforzando os lazos entre institucións culturais da cidade. A escola, ubicada en Área Central e dirixida pola bailarina, artista circense, coreógrafa e pedagoga Paula Quintas, leva quince anos ofrecendo disciplinas multidisciplinares das artes escénicas, desde ballet e danza creativa, danza urbana, twerking ou contemporáneo até acrodanza e formación profesional.

Orquestra sinfónica do CMUS Profesional de Santiago de Compostela realiza desde os inicios interesantes sinerxias, concertos didácticos, concertos con coro, solistas e estreas de obras. Gañou o primeiro premio ex aequo na Mostra Musical do Eixo Atlántico. Realizou colaboracións e intercambios con coros como o da Maitrise da ópera nacional do Rhin de Estrasburgo, con orquestras e escolas de danza e tocado concertos en Estrasburgo, Ponferrada, Vigo, Coruña, Lugo ou Ferrol. Mantén unha axenda anual na que colabora no Maratón solidario de Nadal, nos concertos de Santa Cecilia, nos ciclos do “CMUS en concerto”, nas xornadas Innovart, no concerto do día da muller e todos os anos realiza un concerto na praza de Praterías polo do día europeo da música.

Comparte éste artículo
No hay comentarios