Unha boca grande mantén a Galiza na Copa das Rexións

Prosperou o recurso e ao final será Galiza, e non Andalucía, quen estea no sorteo da fase intermedia da previa española da Copa das Rexións da UEFA 2025/27. A Irmandiña, que inicialmente saíra da fase de grupos sen vitorias, algo que non acontecía desde aquela desastrosa 2015/16, na que perdera contra Estremadura e Valencia, puxo a funcionar a administración e a derrota contra Andalucía (1-2), converteuse en vitoria por 3-0.

Ángel Martínez: perna esquerda de seda e boca de alcatrán

Todo aconteceu ao rematar o Galiza-Andalucía no Mariano Haro. Galiza reaccionara tarde no partido, pero non nos despachos. Cun gol recibido ao comezo de cada tempo, o primeiro de Ángel e o segundo de Vidal, Manolo García mellorou á selección coas substitucións, pero só puido recurtar á mínima a desvantaxe cun gol do alondrista Lucas, o mellor dos branco e celestes na fase.
A segunda parte do choque non serían os penaltis posteriores paras establecer un resultado alternativo, senón a chegada aos vestiarios grazas aos comentarios dos xogadores galegos.
Presuntamente, Ángel, lateral esquerdo dos andaluces, autor do 0-1, non só se limitou durante o partido a xogar cos pés. Tamén o fixo coa boca, tentando provocar a quen da Irmandiña pasara polo seu lado. O repetitivo Ángel non parou de minimizar deportivamente aos seus rivais preguntándolles quen eran. A súa boca non parou de falar e engadir que el xogara a Liga Conferencia, considerándose máis que ninguén entre a néboa matinal de Becerril do Campo.

Pola boca morre o peixe

Ao remate do partido, os comentarios dos galegos apuntaron a Ángel e funcionou o aparello administrativo da Futgal. Inmediatamente comprobaron que Ángel Martínez Montesinos, actualmente no Chiclana, dicía a verdade.
O lateral esquerdo, toda a vida no fútbol andaluz, que incluso xogara no At. Antoniano cando este equipo se enfrontara ao Lugo nas primeira eliminatoria copeira da campaña 2023/24, participara en catro partidos da Liga Conferencia defendendo as cores do St. Joseph’s F.C. xibraltareño no pasado mes de xullo.
Esta circunstancia invalidaba a posibilidade de que xogara a Copa das Rexións UEFA, malia que a Real Federación Andaluza de Fútbol non a valorara.
Certamente, se o propio Ángel non se delatara, a estas horas Andalucía, que gañara no campo os partidos contra Castela e León e Galiza, estaría clasificada para a fase intermedia. O seu presunto carácter provocador pasoulle factura. Realmente, non só pasará á pequena historia do fútbol afeccionado como o causante da eliminación de Andalucía, senón que a súa presunta soberbia danou ao resto dos seus compañeiros de selección.

Segunda clasificación consecutiva nos despachos

Galiza, bicampioa española da competición, que hai dúas edicións ergueu o trofeo continental, gañou a clasificación nos despachos por segunda edición consecutiva na fase española.
Na pasada, hai dous anos, na que chegaría a final na que perdeu contra Aragón, alcanzou a fase intermedia grazas a un sorteo celebrado na sede da RFEF logo de rematar a primeira fase igualada a puntos e goles con Cataluña. A bola galega impúxose á catalá pola maxia do fado.
Agora, grazas a dilixencia de xogadores e administrativos da Futgal, volve a facerse forte nos despachos tras descubrir a aliñación indebida de Andalucía.

O posible rival

A fase intermedia terá lugar os días 28 e 29 de xaneiro. Será a partido único e Galiza terá como posibles rivais a Navarra, que gañou a Murcia e a Cantabria, ou Asturias, que empatou con Cantabria e asegurou o pase na segunda xornada gañando a Murcia, procedentes do grupo A.
Do grupo B, o outro con catro seleccións, poden ser A Rioxa, vencedora nos choques contra Castela-A Mancha e Baleares, ou o País Vasco, que derrotou a Baleares e sumou o cuarto punto ao igualar con Castela-A Mancha.
Cataluña foi a única clasificada no grupo da morte, o C. A cuatribarrat igualou con Valencia e venceu a Madrid no choque decisivo.
Os últimos posibles rivais proceden do grupo E, logo do máis que presumible empate entre Aragón e Canarias, que clasificaba a ambas.

Foto: Ángel, o primeiro dos axeonllados, sen cabelo, erguendo o puño dereito. O seu sorriso foi apagado nos despachos. © RFAF

Comparte éste artículo
No hay comentarios