PP Lugo: «As Piscinas das Pedreiras sofren as consecuencias da falta de mantemento»

O grupo municipal popular faise eco das queixas e do malestar das persoas usuarias polo estado de mantemento das instalacións das Piscinas das Pedreiras, unha infraestrutura deportiva que ten moitos usuarios diarios e que, desde hai dúas semanas, sofre problemas nas duchas, que non poden empregarse con seguridade pola elevada temperatura que acada a auga: Nestes momentos, só dúas duchas funcionan correctamente, algo claramente insuficiente para cubrir as necesidades das persoas usuarias destas instalacións.

A este problema súmase a existencia dunha goteira que cae directamente sobre o vaso da piscina, unha circunstancia que consideramos especialmente grave tanto polas posibles afeccións á infraestrutura como polos riscos que pode supoñer para as persoas bañistas e para o correcto mantemento do recinto.

O concelleiro Damián Carballo, que estivo comprobando de primeira man a situación das piscinas, esixe unha actuación inmediata por parte do concelleiro de Deportes e considera totalmente inaceptable que unha infraestrutura pública permaneza tanto tempo con incidencias desta magnitude sen unha resposta efectiva nin unha comunicación transparente.

Damián Carballo solicita: a reparación urxente das duchas e o restablecemento completo do servizo en condicións seguras e axeitadas; unha intervención inmediata para resolver a goteira que afecta ao vaso da piscina; e información clara e actualizada sobre as causas destas incidencias e os prazos previstos para a súa solución.

O mantemento das instalacións deportivas municipais é, en xeral, deficiente e provoca un deterioro constante das mesmas, que resulta máis evidente en instalacións como as próximas pistas de atletismo do Gregorio Pérez Rivera (tamén no módulo cuberto).

O bipartito PSOE–BNG ten privatizado o mantemento das instalacións deportivas, sen que o concelleiro de Deportes pareza interesado en poñer a traballar a empresa adxudicataria para garantir o correcto estado de revista das instalacións deportivas.

Unha vez máis constátase un modelo de xestión inadecuado, no que o goberno de PSOE e BNG privatiza servizos públicos e desenténdese deles. Outro motivo máis para insistir en que #LugoPrecisaUnCambio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios