CCOO denuncia que o anuncio triunfalista do Concello de Lugo sobre a súa suposta “gran OEP 2025” é pura propaganda e totalmente alleo á realidade interna. Mentres o Goberno local vende titulares nos medios, oculta información fundamental, evita explicar o alcance das OEPs caducadas e maquilla procesos selectivos que poderían ser nulos pola STS 930/2025.
O sindicato considera gravísimo que o Concello presuma de creación de emprego cando sabe perfectamente que unha parte importante das prazas procede de OEPs xa caducadas, recoñecidas polo propio informe municipal pero nunca identificadas, detalladas nin xustificadas. Presentar esta OEP como un avance histórico é, directamente, enganar ao persoal municipal e á cidadanía.
A Mesa Xeral convocouse con prazos escasos, si, pero o problema de fondo non é o calendario: é a falta absoluta de transparencia. O Concello non entrega listaxes das prazas caducadas, non informa do estado dos procesos afectados, non achega informes técnicos e oculta datos determinantes que impiden un debate real. Esta maneira de actuar constitúe unha vulneración manifesta da boa fe negociadora, prohibida polo TREBEP e pola xurisprudencia.
A opacidade do Concello afecta directamente a:
- Persoal interino, que queda exposto a un escenario de inseguridade xurídica
- creado pola propia Administración.
- Persoas opositoras, que levan anos preparándose procesos que poden quedar sen validez real.
- Servizos esenciais, que non se ven reflectidos con honestidade nunha OEP que se anuncia como “ambiciosa” pero exclúe necesidades básicas.
Por todo isto, CCOO solicitou formalmente a suspensión da Mesa Xeral do 10 de decembro, ao considerar que non existe documentación suficiente nin vontade real de negociación. O proceso está viciado de orixe.
O sindicato responsabiliza ao Goberno municipal da situación xerada e esixe transparencia inmediata: identificación pública das prazas caducadas, clarificación dos procesos afectados e entrega da documentación completa. A cidadanía de Lugo e o persoal municipal merecen rigor, non propaganda.