O Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe a Navia La Magaya

Primeiro partido na historia contra os asturianos.

Logo da derrota sufrida o pasado domingo en Lugo, que incrementa a serie negativa ata un 1-3 nos últimos catro partidos, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos ten a ocasión de intentar sumar a quinta vitoria da temporada e deixar as cousas nun 5-5 antes do partido contra o Xiria da semana que vén. O rival, propicio sobre o papel, é o Navia La Magaya, equipo asturiano que se estrea na categoría, e que comparece no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” no posto 12o da táboa con 3 vitorias e 6 derrotas, tan só unha máis ca os betanceiros. Ascendido dende a Primeira Nacional do Principado de Asturias a esta Terceira FEB, o conxunto garda poucas semellanzas co do ano pasado logo da profunda reforma da súa plantilla, con sete novas incorporacións entre as que destaca o pivote gambiano Papa Njie, o georgiano Sharashidze, o leonés Guillermo Rodríguez Luque ou o xogador natural de Castropol, Javi Prieto, con pasado no Solgaleo Bosco Salesianos de Ourense, que encabeza o ranking anotador con 15,9 puntos por partido.

Así valora a cita o adestrador betanceiro José Amando Pena “Soviético”: “Partido moi importante xa que necesitamos volver á senda de vitorias para que o equipo recupere a confianza necesaria para enfrotnar os dous últimos partidos do ano. Xogamos contra un rival que suma tres partidos gañados e non podemos deixar que nos empate neste punto. Para iso temos que ser moi agresivos en defensa para dificultar todas as súas accións ofensivas e ser capaces de dominar o rebote. Estamos tendo moitos problemas neste punto porque somos un grupo con pouca altura e debemos suplir esta falta con agresividade e moita concentración á hora de pechar o rebote. Esta semana traballamos para intentar que non se repitan os fallos que cometimos en Lugo contra Estudiantes. En ataque, se controlamos a perda de balóns e temos un pouco máis de acerto no tiro exterior, creo que podemos sacar o partido adiante”.

O encontro, retransmitido por tiivii.gal, terá lugar o domingo 7 ás 17h e, pola súa importancia, prevese unha boa asistencia de público no que é o primeiro partido entre ambos os dous clubs na historia.

O sénior feminino xoga o seu partido aprazado contra Arteixo

Polo demais, e nunha fin de semana na que non hai competicións FGB, o único partido do club xunto co do primeiro equipo masculino é o do sénior feminino, que recuperará a xornada perdida no seu día enfrontándose no pavillón das Mariñas contra o CB Arteixo Duacode o venres 5 ás 20.30h da noite.

Comparte éste artículo
No hay comentarios