A sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase do 23 de abril ao 3 de maio de 2026

A cita coa comedia ao vivo máis importante de España, que conta con Luis Piedrahita como director artístico, volverá presentar na Coruña os espectáculos humorísticos máis destacados do momento

A cidade herculina proclamarase na primavera, un ano máis, a capital internacional do humor. A sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) celebrarase na Coruña do 23 de abril ao 3 de maio. Serán 11 xornadas de risas, conversas, estreas absolutas e ocasións para gozar, en directo, dos espectáculos de comedia máis relevantes do momento. Os principais nomes do sector actuarán para o público coruñés, quen descubrirá a semana que vén parte da programación troncal do evento.

Como en cada edición, o Encontro Mundial de Humorismo pretende visualizar, a través do seu cartel, unha perspectiva diferente do humor. Nesta ocasión, o evento de comedia porá o foco no sorriso: concretamente, no xesto físico e gráfico do acto de sorrir, a través do icónico ‘smiley’ creado por Franklin Loufrani, transformado agora nun superheroe no que, todo o seu corpo, está feito de sorrisos.

“O humor é forza e enerxía e, por tanto, tamén é saúde e vida. Rir reduce os niveis de cortisol, mellora o sistema inmunolóxico e favorece a circulación. O humor convértenos en superheroes, como o do cartel do EMHU deste ano, un superheroe feito con sorrisos e que pretende salvar ao universo dun destino triste, frío e silencioso”, explica Luis Piedrahita, director artístico do Encontro Mundial de Humorismo.

Deste xeito, o sorriso icónico constrúe o volume dunha figura hercúlea que se exhibe alegremente no cartel ilustrado por Riki Blanco e deseñado por Rebeca Losada. “Sorrir é coma ir ao ximnasio”, afirma Blanco. “Sorrir é físico, mecánico, técnico e químico. Os sorrisos, do mesmo xeito que os músculos, tamén se poden definir. Para que o xesto sexa inequívoco, podemos traballalos para gañar volume, resolución e contraste. Esta desproporcionada, sobra dicir, é unha metáfora. Repito: é unha metáfora. Ninguén querería ter un corpo así, tan amarelo”, asevera o ilustrador.

A meirande parte da programación do EMHU 2026 darase a coñecer a vindeira semana, ainda que, como é habitual, nos proximos meses presentaranse as actividades paralelas, os Premios EMHU e outras novidades preparadas para esta sexta edición, que volverá encher A Coruña de sorrisos tanto nas rúas coma nos patios de butacas.

Toda a información sobre o Encontro Mundial de Humorismo -que nesta nova edición conta co apoio do Concello da Coruña, Turismo da Coruña, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e Estrella Galicia- pódese consultar a través dos seus perfís nas redes sociais ou na páxina web oficial www.emhu.es, na que tamén se poderán adquirir, a partir da semana que vén, os abonos e entradas.

.

Comparte éste artículo
No hay comentarios