Carta do Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, á militancia

Queridas compañeiras e compañeiros,

Hoxe diríxome a vós con sinceridade e moita dor.

As informacións publicadas nas últimas horas sobre o presunto acoso na provincia de Lugo causáronnos a todas e todos unha profunda tristeza, unha indignación fonda e unha repugnancia inevitable. Sabedes que no noso partido nunca miramos cara a outro lado. Por iso, xa están activados todos os mecanismos internos para investigar con rigor e chegar até o final, como sempre fixemos.

Como organización feminista, comprometida e valente, a nosa primeira palabra é para as vítimas. Queremos que saiban —e quero dicírvolo tamén a vós— que teñen o noso afecto, o noso respaldo e a nosa solidariedade. No Partido Socialista, defender ás mulleres fronte a calquera forma de violencia non é unha consigna: é unha convicción que nos define. Caia quen caia. Sen excepcións. Sen fisuras. Tolerancia cero.

Desde onte, José Tomé xa non forma parte do Partido Socialista. Solicitou a súa suspensión de militancia e anunciou a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e o abandono de todos os grupos socialistas. Era o que debía facer. Era o que tiña que facer. E é tamén o que lle esiximos neste partido, xunto á entrega das actas. O PSdeG non entende a exemplaridade como un xesto retórico, senón como unha obriga ética

Quero trasladarvos algo moi importante: non temos acceso a ningunha denuncia presentada a través da canle específica do partido contra o acoso, porque o protocolo garante o anonimato absoluto. Ese mesmo anonimato é o que permite que as mulleres se sintan seguras para dar o paso de denunciar, respectando os seus tempos e, sobre todo, o seu dereito. Por iso, pídovos respecto para quen sufrira estes feitos e confianza no traballo do Órgano contra o Acoso, que actuará con independencia e garantías totais.

Compañeiras e compañeiros, nesta organización aprendemos que só defendendo sen medo a dignidade das mulleres estaremos á altura da nosa historia. E sabemos que tamén nestes momentos difíciles é cando un partido se retrata. Hoxe, igual que onte e como será sempre, estaremos do lado das vítimas e animaremos a denunciar calquera conduta machista, veña de quen veña. Como sempre fixemos: escoitalas a animar a denunciar.

Por responsabilidade e para garantir a estabilidade orgánica, o PSdeG proporá á Executiva Federal o nomeamento inmediato dunha Comisión Xestora na provincia de Lugo. Faremos, unha vez máis, o que sempre fixemos: actuar con serenidade, con firmeza e mirando de fronte aos problemas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios